O conselleiro de Educación destaca a participación dos centros públicos nos proxecto educativos punteiros

Xesús Vázquez Abad recordou no Parlamento que o 79% das aulas Abalar son públicas

A participación do ensino público na Rede de Centros Plurilingües é do 52%, o 62% no caso das seccións bilingües

O conselleiro fixo fincapé na obriga da Administración de ofrecer un modelo educativo común para todo os escolares de centros sostidos con fondos públicos

Mér, 28/09/2011 - 13:44

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe no Parlamento de Galicia a participación dos centros públicos nos proxecto educativos punteiros que está a desenvolver o departamento que dirixe, nomeadamente no Proxecto Abalar e no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Neste sentido, Vázquez Abad lembrou que o 79% das aulas Abalar –estratexia de integración das tecnoloxías da información e a comunicación no sistema educativo- son públicas, fronte ao 21% de aulas concertadas. Ademais, explicou que “no curso 2011-2012 a Rede de Centros Abalar está composta por 374 centros, dos que 287 son públicos e 87 son concertados”, o que significa que “máis do 76% dos centros participantes son públicos”.

Respecto do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, o conselleiro explicou o ensino público se beneficia do 87,75% do orzamento destinado pola Consellería a potenciar os idiomas estranxeiros, fronte ao 12,25% que lle corresponde á concertada.

Con todo, Vázquez Abad fixo fincapé en que “é unha obriga da Administración educativa, do Estado e da nosa Comunidade, ofrecer un modelo educativo común para o conxunto dos escolares”. “Por tanto – engadiu- a Consellería de Educación estende o seu modelo educativo e garante aos estudantes da pública e aos estudantes da concertada o acceso aos proxectos que apostan pola integración das TIC e pola potenciación das linguas estranxeiras; principais retos educativos nos tempos actuais”.

Educación universal e gratuíta

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo aproveitar a súa intervención no pleno do Parlamento para incidir na necesidade de traballar pola mellora da calidade do ensino sostido con fondos públicos no seu conxunto. Neste sentido lembrou que “a Constitución e a lexislación educativa vixente amparan un sistema educativo no que coexisten unha rede de centros públicos e unha rede de centros privados-concertados. Cada unha delas cumpre coa súa importante función e así o entenden os pais e as nais”.

Tal e como explicou, a Consellería destina ao ensino concertado o 11% do total do seu orzamento, co que se atende ao alumnado que estuda nestes centros,  entre un 27 e un 28 % do total de Galicia. A dotación orzamentaria a estes centros prodúcese, dixo, “porque así o establece a legalidade”, desde que quedara recollido no Real Decreto 2377/1985 do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de Normas Básicas sobre concertos educativos. “Hai que lembrar que para a universalización da educación ata os 16 anos, nun determinado momento, o Estado tivo que contar co sector privado para poder facer en poucos anos un crecemento espectacular do servizo educativo”, unha medida que foi adoptada por un goberno socialista.

Ademais, o conselleiro recordou que desde o inicio da lexislatura ata o curso 2010/2011 o orzamento achegado pola consellería ao ensino concertado experimentou un descenso  de 8,4 millóns de euros, fronte ao incremento de 205 unidades concertadas que se produciu nos anos do Goberno Bipartito.