A Xunta incorpora 10 centros educativos ao programa 'Club de Ciencia'

Tomarán parte nesta iniciativa este curso un total de 117 centros educativos de toda Galicia

Lun, 07/12/2020 - 14:05

A Xunta de Galicia vén de incorporar un total de 10 centros educativos ao programa Club de Ciencia. En total, este curso 2020/2021 tomarán parte nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade un total de 117 centros educativos de toda Galicia. Por provincias, este curso participarán 55 centros da provincia da Coruña, 13 de Lugo, 12 de Ourense e 37 de Pontevedra.

O obxectivo desta iniciativa −que forma parte da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020− é estimular o espírito científico entre o alumnado galego ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.

Os centros de nova incorporación neste curso son o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei (Santiago de Compostela), o CEIP Plurilingüe A Laxe (Ferrol), o IES da Pobra do Caramiñal (A Pobra do Caramiñal), o IES Maximino Romero de Lema (Zas), o CEIP de Ardán (Marín), o CEIP da Laxe (Marín), o IES Alexandre Bóveda (Vigo), o CEIP A Lomba (Vilagarcía de Arousa), o CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas (Meaño) e o CEP Carlos Casares (Salvaterra de Miño).

O Club de Ciencia defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades, aos seus intereses e resolver problemas. Deberá estar formado por un ou máis docentes de calquera especialidade e alumnado de educación primaria, secundaria obrigatoria ou bacharelato. Un dos docentes actuará como persoa coordinadora do club.

Actividades

As actividades desenvolveranse fóra do horario lectivo do alumnado nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente. En calquera caso, neste curso 2020/2021, o centro deberá ter en conta a previsión dos posibles escenarios que se puidesen dar en función da situación sanitaria (actividade lectiva presencial, semipresencial e/ou posibles períodos de confinamento) para a organización e desenvolvemento adaptado a cada escenario.

Cada centro docente seleccionado para desenvolver un Club de Ciencia recibirá unha achega económica, a determinar en función do número de centros que finalmente participen no programa. O importe concedido a cada centro deberase destinar a sufragar gastos que estean debidamente xustificados e imputables á participación nesta convocatoria e en ningún caso se utilizarán para adquisición de materiais inventariables.