Preto de 99.000 alumnos participan este curso nas actividades do Plan Proxecta da Xunta de Galicia

A Consellería de Educación vén de resolver a convocatoria, que este ano implica 421 centros de ensino

O obxectivo é avanzar no desenvolvemento da innovación educativa a través do traballo por proxectos vinculado a áreas como a saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía ou a convivencia, entre outros moitos

Xov, 03/12/2020 - 12:35
proxecta

Preto de 99.000 alumnas e alumnos participarán este curso nas actividades vencelladas ao Plan Proxecta, no que se enmarcan as iniciativas que desenvolven os diferentes departamentos da Xunta de Galicia en materia educativa. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de resolver esta convocatoria para o presente curso 2020/21, que inclúe 41 programas diferentes. Participarán un total de 421 centros de ensino, que desenvolverán 737 proxectos distintos coa colaboración de máis de 5.700 docentes.

Por provincias, 144 centros de ensino coruñeses desenvolverán 232 proxectos, e 58 centros lucenses realizarán 103. En Ourense o número de centros participantes é de 58, que desenvolverán 116 proxectos; mentres que en Pontevedra están implicados 161 centros, cun total de 286 iniciativas. A relación de centros educativos que desenvolven cada programa pode consultarse no Portal Educativo da Xunta de Galicia.

Os programas nos que participan un maior número de centros son Proxectos de vida activa e deportiva - PDC, con 195 centros participantes; Aliméntate ben, con 77; Donas de si, con 44; Meteoescolas e Proxecto Ríos, con 32 en ambos casos, e Proxecto Terra e Correspondentes xuvenís 3.0, con 27 centros implicados en cada un deles. Nos programas Educación patrimonial e Paisaxe e sustentabilidade participarán 25 e 22 centros, respectivamente. Pode obterse información sobre os 41 programas no portal educativo.

Programas ofertados

O Plan Proxecta é unha iniciativa do Goberno autonómico, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Neste curso ofértanse un total de 41 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade.

Museos e Patrimonio, a novidade

Dúas novas modalidades dentro do programa Educación Patrimonial entran a formar forma parte do Plan Proxecta este curso 2020/21: Museos e Patrimonio e Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning. A modalidade Museos e Patrimonio créase co obxectivo de fomentar unha colaboración estreita entre a comunidade educativa e o museo para facer deste un instrumento eficaz para a educación formal. Pola súa banda, Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning ten como obxectivo a creación dunha rede escolar de cooperación e intercambio de boas prácticas que permita a concienciación da comunidade educativa sobre a importancia do patrimonio cultural material e/ou inmaterial tanto propio como dos socios europeos.

O feito de acoller a devandita variedade de programas baixo o Plan Proxecta pretende establecer un marco xeral de colaboración entre as distintas entidades que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos, fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns e, ao mesmo tempo, crear unha rede de centros na que se fomente o traballo cooperativo traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixina como para o resto da comunidade educativa galega.