O Comité Educativo avala a actualización do protocolo de atención domiciliaria para adaptalo ás situacións do contexto covid

O conselleiro Román Rodríguez presidiu a reunión deste grupo de expertos

Refórzanse os procesos de seguimento na atención ao alumnado, mellórase a coordinación entre centros educativos e autoridades sanitarias e flexibilízanse as condicións de ensino en canto a horarios e modos de atención

Créanse os Equipos de Atención Virtual ao Alumnado, cun equipo específico para Infantil e Primaria e outro para Educación Secundaria por provincia

A Consellería traballa nunha orde de desenvolvemento do Decreto 229/2011 de atención á diversidade que dotará de seguridade xurídica todas as iniciativas de atención domiciliaria e hospitalaria

Ven, 27/11/2020 - 14:34
comite

O Comité Educativo, na súa reunión de hoxe, someteu a debate e aprobación a mellora do actual Protocolo de Atención Educativa domiciliaria co fin de adaptalo ás situacións derivadas do contexto actual de pandemia, reforzar os procesos de seguimento na atención ao alumnado, mellorar a coordinación coas autoridades sanitarias e as canles de comunicación entre as familias e os centros educativos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez agradeceu as aportacións do grupo de traballo encargado da actualización deste protocolo co obxectivo de adaptalo á realidade derivada da crise sanitaria, ao tempo que dotalo de seguridade normativa, xa que se trata dun asunto “moi sensible para as familias” e “hai que ofrecer novas opcións para dar unha mellor resposta educativa posible tendo en conta as necesidades do alumnado”, subliñou.

A maiores, desde o departamento de Educación da Xunta estase traballando nunha orde que desenvolverá o Decreto 229/2011, de Atención á Diversidade en Galicia, e na que se recollerán todos os aspectos relacionados coa atención domiciliaria e hospitalaria, como as condicións desta atención, a dotación de medios para levala a cabo e a planificación do proceso de ensino. Deste xeito, moitos dos aspectos do protocolo sometido a debate xa serán incorporados nesta norma.

Reforzo e flexibilización

O protocolo actualizado inclúe entre os supostos de atención domiciliaria situacións de especial vulnerabilidade persoal do alumnado ou do seu núcleo de convivencia. En todo caso, de forma xeral, a atención domiciliaria deberá establecerse por prescrición médica.

O texto fai fincapé no necesario reforzo dos procesos de seguimento, a través da xefatura de estudos dos centros en colaboración co profesorado. Introduce tamén unha maior flexibilización nas condicións atención domiciliaria á hora de ponderar alternativas complementarias relacionadas coa distribución horaria, coa seguridade e o apoio domiciliario, co apoio telemático ou o ensino mixto.

Así mesmo, as decisións de atención domiciliaria serán revisadas cunha periodicidade prefixada para permitir a paulatina incorporación do alumno ao centro en canto sexa posible, tendo en conta que os beneficios do proceso de ensino-aprendizaxe non se circunscriben unicamente ao ámbito de adquisición de coñecementos, senón que o colexio exerce unha importante función socializadora e de desenvolvemento emocional.

Equipos de Atención Virtual ao Alumnado

De xeito paralelo, avanzouse na posta en marcha dos Equipos de Atención Virtual ao Alumnado −cuxa instrución se publicará nos próximos días−, cos que se reforzará e completará a atención domiciliaria para aqueles alumnos que, por padecer unha determinada patoloxía ou por calquera outra causa xustificada, non poidan acudir a clase por un período prolongado de tempo.

Trátase, polo tanto, de adaptar e mellorar o proceso de seguimento do alumnado en atención domiciliaria aos tempos e necesidades actuais, tendo en conta as especificidades
de alumnado con especial vulnerabilidade ou con familiares con especial vulnerabilidade que non pode acudir ao centro nin tampouco recibir no seu domicilio ningún docente.

Estes Equipos de Atención Virtual estarán ao servizo do alumnado que non acude ao centro educativo por ter familiares vulnerables convivintes e para o que as comisións provinciais de seguimento ante as posibles situacións de absentismo con orixe na covid −que quedaron constituídas hoxe− determinan como xustificada a súa ausencia; así como para aquel alumnado que deba permanecer convalecente no seu domicilio por un período superior a un mes.

Haberá dous equipos de Atención Virtual por cada provincia, un integrado por docentes do corpo de mestres para atender as etapas de Infantil e Primaria, e outro para atender ao alumnado de Educación Secundaria, que estará integrado por profesionais docentes do corpo de profesores de Ensino Secundario.