A ONCE amplía a oferta de recursos educativos en galego para persoas con discapacidade visual coa colaboración da Xunta

A delegación territorial da ONCE en Galicia adaptou máis de 30 volumes en lingua galega no que vai de ano, ao abeiro do convenio que subscribe coa Secretaría Xeral de Política Lingüística

Ademais de diversos libros de texto, as adaptacións tamén inclúen obras de recoñecidos autores da literatura galega, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Fina Casalderrey, Rosa Aneiros e Carlos Casares

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, coñeceu o labor que realiza a entidade na súa visita ao Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra

Xov, 25/08/2011 - 12:25
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, coñeceu o labor que re
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, coñeceu o labor que realiza a entidade na súa visita ao Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra

A Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) está a ampliar a oferta de recursos educativos dispoñibles en lingua galega para as persoas cegas e con discapacidade visual, coa colaboración da Xunta de Galicia. Ao abeiro do convenio que subscribe actualmente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a delegación territorial da ONCE en Galicia leva adaptados ao sistema de lectura Braille e ao sistema de gravación Daisy un total de 32 volumes no que vai de ano, todos eles solicitados polos seus afiliados e afiliadas.

Entre eles atópanse, por unha banda, libros de texto para diversas materias dos niveis de ensino de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato. Por outra banda, a ONCE tamén levou a cabo este ano a transcrición, gravación e adaptación de numerosas obras da literatura galega da autoría de recoñecidos autores e autoras. É o caso de Arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín; de O sol do verán, de Carlos Casares; de A pomba e o degolado, de Fina Casalderrey; de Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros; e de Alén da desventura, de Xavier Alcalá, entre outras. 

Anxo Lorenzo visitou o Centro de Recursos Educativos

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, puido coñecer de primeira man o labor que está a realizar o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Galicia para facilitarlles aos seus afiliados e afiliadas o acceso a recursos didácticos en galego e, deste xeito, contribuír ao seu desenvolvemento educativo e cultural na lingua propia de Galicia. 

Durante a súa visita ás instalacións desta entidade, situada no concello de Pontevedra, o responsable do centro, José Ángel Abraldes, e mais o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, presentáronlle ao secretario xeral o traballo que levan a cabo para facilitar e fomentar entre as persoas cegas e con deficiencias visuais a lectura, o estudo e o traballo en lingua galega, así como as principais iniciativas para contribuír á plena integración social dos seus afiliados e afiliadas.

Na actualidade, o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra coordina e dirixe a atención educativa nun ámbito de intervención que abarca Galicia, Asturias e Cantabria, coa colaboración das consellerías de Educación das tres comunidades autónomas.