Instrucións pola que aclaran extremos do acordo do Consello da Xunta polo que se aproba o protocolo de reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19 no ámbito dos centros educativos

Ven, 08/05/2020 - 15:27

Por acordo do CECOP do 5 de maio (D.O.G do 6 de maio de 2020) establecéronse instrucións sobre presenza nos centros educativos para prestar atención aos procesos de admisión e outros procedementos que afectan á comunidade educativa, especialmente ao colectivo de nais e pais.

Por acordo do Consello da Xunta do día 8 de maio de 2020 aprobouse o Protocolo polo que se establece a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19.

O punto 2º do mesmo establece:

“As previsións contidas no presente protocolo resultarán de aplicación a todo o persoal empregado público en todos os sectores administrativos e funcionais da Xunta de Galicia, agás no ámbito educativo, sanitario e sociosanitario.”

As peculiaridades do traballo en centros educativos, con prazos específicos de duración do curso escolar e con prazos de procedementos administrativos que afectan a un número importante de peticións da cidadanía, xustifican adaptacións respecto do réxime xeral dos restantes empregados públicos.

En atención ao anterior, e tendo en conta a necesidade da reorganización dalgunhas das labores desenvolvidas por determinados traballadores en relación coa apertura e peche dos centros e da organización da presencia de publico nos mesmos, resulta aconsellable adoptar as presentes medidas complementarias dos acordos de CECOP e do Consello da Xunta.

1) Nos centros educativos nos que exista persoal subalterno ou de conserxaría é obrigatoria a presenza no centro, a partir do 11 de maio de 2020, nos días que estableza a dirección do centro educativo para colaborar na atención ao publico e nas restantes tarefas ordinariamente atribuídas.
2) Dende a mesma data é obrigatoria a presenza do persoal de mantemento para a realización daquelas actividades que estableza a dirección do centro.