Novos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop) no ámbito educativo

Mér, 06/05/2020 - 13:05

No día de hoxe publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 5 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade a diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 5 de maio de 2020 que, no ámbito educativo, estableceu os seguintes acordos:

– Acordo sobre o restablecemento do procedemento de admisión de alumnado do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2020/21.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarou o estado de alarma en todo o territorio nacional co fin de facer fronte á situación de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19.

En aplicación do recollido na disposición adicional terceira do dito real decreto, así como no punto sétimo do Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) do 15 de marzo, mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público de Galicia como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, suspendeuse o prazo para a presentación de solicitudes do procedemento de admisión de alumnado para o curso 2020/21.

O punto 4 da citada disposición adicional terceira recolle a posibilidade de acordar motivadamente a continuidade daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

Por outra banda, e de conformidade co previsto na Orde EFP/365/2020, do 22 de abril, do Ministerio de Educación e Formación Profesional, pola que se establecen o marco e as directrices de actuación para o terceiro trimestre do curso 2019/20 e o inicio do curso 2020/21, ante a situación de crise ocasionada polo COVID-19, en cuxo anexo III se determinan as Directrices específicas de actuación acordadas por etapas ou ensinanzas, que se desenvolverán durante o terceiro trimestre do curso escolar 2019/20 e o inicio do curso escolar 2020/21, as administracións educativas poderán asignar, de xeito excepcional e durante o período de admisión e escolarización do vindeiro curso, as funcións de supervisión do proceso de admisión de alumnado propias das comisións ou órganos de garantías de admisión, á Inspección educativa ou a outra unidade administrativa.

Tendo en conta o recollido nos parágrafos anteriores, considérase necesario poder restablecer o prazo de presentación de solicitudes do proceso de admisión de alumnado do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2020/21, e adaptar tamén as fases posteriores, modificando e axustando as datas e asignando as competencias das comisións de escolarización aos servizos territoriais de Inspección educativa; todo isto coa finalidade de que sexa posible tramitar todo o proceso procurando a súa resolución o antes posible para un correcto funcionamento do servizo público da educación, de xeito que os centros e o profesorado poidan preparar con normalidade o novo curso e se minimicen así as consecuencias para familias, alumnado e centros, logo da situación excepcional de emerxencia sanitaria que motivou a súa paralización.

Así mesmo, garántese que o alumnado teña asignada a praza no centro que lle corresponda e poida formalizar a súa matrícula dentro do período ordinario anual que establece a normativa reguladora. Son tamén razóns de interese público as que aconsellan a aplicación a este procedemento da tramitación de urxencia prevista no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, adaptando as distintas datas e fases segundo os axustes que se consideren necesarios.

Tendo en conta o exposto, e por proposta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o Cecop toma razón de que a consellería ditará resolución acordando as seguintes cuestións:

1. Prazo de presentación de solicitudes de admisión.

Restablecerase o prazo para a presentación das solicitudes de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, polo tempo que restaba cando se declarou o estado de alarma, de xeito que se iniciará o día 11 de maio de 2020 e rematará o día 18 do mesmo mes.

O centro educativo deberá rexistrar as solicitudes na aplicación informática de xestión do proceso, «admisionalumnado», durante o día inmediato hábil seguinte ao da súa presentación.

2. Novos prazos do procedemento.

a) De conformidade co artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os demais prazos do procedemento de admisión reduciranse á metade.

b) Novos prazos do proceso:

● Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: ata o día 26 de maio de 2020.

● Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020.

● Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.

● Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020.

● Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: do 1 ao 10 xullo de 2020.

● Formalización da matrícula ordinaria en educación secundaria obrigatoria e bacharelato: do 1 ao 10 xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro de 2020.

3. Adxudicación subsidiaria de postos escolares.

Con carácter excepcional, non se constituirán as comisións de escolarización. Todas as funcións para a adxudicación subsidiaria de postos escolares que se atribúen ao dito órgano do proceso de admisión serán asumidas e desenvolvidas polos servizos territoriais de Inspección educativa de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería.

4. Publicación.

Sen prexuízo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a resolución tamén se publicará na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e procurarase a súa máxima difusión entre todos os centros educativos afectados polo proceso.

– Acordo polo que se modifican as instrucións de presenza dos equipos directivos e doutro persoal nos centros educativos de ensino non universitario.

A Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19 (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 15 de marzo de 2020) determina no seu punto décimo:

“Nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerá en réxime de quendas só unha persoa do equipo directivo do centro das 10.00 ás 13.00 horas”.

En atención á evolución da pandemia na Comunidade Autónoma e das necesidades do servizo público educativo, por Resolución do 21 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), do 21 de marzo de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 56, do 22 de marzo), e por proposta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, modificouse o punto décimo do Acordo do Centro de Coordinación Operativa, do 15 de marzo de 2020, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, que quedou redactado do seguinte xeito:

“Nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerá, a partir do luns 23 de marzo, unha persoa do equipo directivo do centro o tempo que considere preciso para atender o alumnado e as familias, así como para a verificación do funcionamento das infraestruturas tecnolóxicas do centro e do estado do propio edificio educativo.”

Tendo en conta a evolución dos contaxios, que presentan unha melloría no que respecta a Galicia, e a necesidade de arbitrar novas medidas que afectan o servizo educativo, nomeadamente retomar o procedemento de admisión do alumnado e a tramitación das axudas e préstamo de libros de texto, faise preciso reforzar a atención aos membros da comunidade educativa, en especial ás nais e aos pais, que precisan de información e efectuar os trámites precisos para a futura escolarización dos seus fillos/as.

En atención ao anterior, acórdase:

● A partir do día 11 de maio é obrigatoria a presenza nos centros educativos de ensino non universitario de 6 ou máis unidades de, polo menos, un membro do equipo directivo no horario habitual do centro, en xornada de mañá.

● Nos centros de menos de 6 unidades é obrigada a presenza do director ou profesor responsable os días precisos para a realización dos trámites de escolarización e presentación da documentación ou doutros procedementos.

● Nos centros educativos en que exista persoal administrativo é obrigatoria a presenza no centro nos días que estableza a dirección do centro educativo para atender todos os trámites derivados do proceso de admisión e doutros procedementos.

● Desde a mesma data é obrigatoria a presenza do persoal de limpeza nos centros educativos para a realización de tarefas de limpeza e desinfección.

Enténdese por desinfección a limpeza das instalacións, con especial atención ás superficies de contacto máis frecuentes como pomos de portas, mostradores, mobles, pasamáns, máquinas dispensadoras, chans, teléfonos e outros elementos de similares características, conforme as seguintes pautas: utilizaranse desinfectantes como dilucións de lixivia (1:50) recentemente preparada ou calquera dos desinfectantes con actividade virucida que se atopen no mercado e que fosen autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade. No caso de usar un desinfectante comercial, respectaranse as indicacións da etiqueta. Tras a limpeza, os materiais empregados desbotaranse de xeito seguro.

Así mesmo, realizarase unha desinfección diaria dos postos de traballo, con especial atención a mostradores, anteparos, teclados, pantallas táctiles, ferramentas de traballo e outros elementos susceptibles de manipulación, prestando especial atención a aqueles utilizados por máis dun traballador.

– Acordo relativo ao levantamento da suspensión da formación en centros de traballo correspondente aos estudos de formación profesional.

1. A Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, establece no punto primeiro c), entre outros:

“– Suspéndense as prácticas de formación profesional (módulo FCT) que se realicen en empresas, incluídas as asociadas a Erasmus.

– Reprogramarase individualmente para cada alumno ou empresa a actividade formativa nos centros de traballo para as ensinanzas impartidas na modalidade de FP dual.”

2. O R.D. 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, establece no seu artigo 9 as medidas de contención no ámbito educativo e da formación:

● Suspéndese a actividade educativa presencial en todos os centros e etapas, ciclos, graos e niveis de ensino recollidos no artigo 3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, así como calquera outra actividade educativa ou de formación impartida noutros centros públicos ou privados.

● Durante o período de suspensión, manteranse as actividades educativas a través da modalidade a distancia en liña, sempre que resulte posible.

Polo tanto, a declaración do estado de alarma non fai referencia específica á formación en centros de traballo.

3. A Orde EFP/361/2020, do 21 de abril, pola que se adoptan medidas excepcionais en materia de flexibilización das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo e das ensinanzas de réxime especial (BOE do 23) foi adaptada a Galicia mediante a  Resolución do 23 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se adoptan medidas excepcionais no desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo e nas ensinanzas de réxime especial (publicada no Portal educativo da Consellería do día 23). Establécense, entre outras, as seguintes previsións:

Na realización da FCT no período ordinario, os centros educativos poderán:

a) Reducir a duración deste módulo ata os mínimos previstos nos reais decretos polos que se establecen os títulos e as súas ensinanzas mínimas: 220 horas no caso de ciclos de grao medio e de grao superior, e 130 horas nos ciclos de grao profesional básico. Así mesmo, no caso dos programas formativos establecidos na Comunidade Autónoma de Galicia, a FCT poderá reducirse a 65 horas.

b) Desenvolver o módulo de FCT sen precisar da autorización recollida no artigo décimo cuarto da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo de FCT en Galicia, en días non lectivos e/ou ampliando ao máximo as horas diarias de estadía na empresa, na medida en que as características de cada sector produtivo ou de servizos o permitan.

c) Favorecer que o alumnado realice ou remate o módulo de FCT mediante a fórmula do teletraballo, sempre que unha empresa ou institución ofreza esta posibilidade e o/a titor/a considere que desta forma o/a alumno/a pode desenvolver as capacidades e acadar os resultados de aprendizaxe previstos no citado módulo e que poida levar a cabo, tamén por medios telemáticos, o seguimento da súa aprendizaxe.

d) Nos ciclos de grao superior derivados da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, integrar a realización da formación en centros de traballo e o módulo de proxecto nun único módulo cunha duración de 245 horas (FCT 220 horas e proxecto 25 horas), correspondentes á suma da duración prevista para eses módulos nos reais decretos de cada título. Neste módulo integraranse os resultados de aprendizaxe e os criterios de realización do módulo de FCT, e os resultados de aprendizaxe e os criterios de avaliación do módulo profesional de Proxecto establecidos no currículo de cada título.

En atención ás determinacións anteriores, por proposta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional:

Acórdase levantar a suspensión de realización da formación en centros de traballo recollida na Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.