Educación publica unha guía para a aprendizaxe a distancia durante a suspensión das clases polo COVID-19

O Centro Autonómico de Formación e Innovación do Profesorado (CAFI) porá esta información a disposición dos docentes
O departamento educativo da Xunta conta con ferramentas TIC propias suficientes para o desenvolvemento do ensino a través da rede
AbalarMóbil incorpora un servizo de mensaxes para facilitar o contacto das familias cos centros
Xov, 19/03/2020 - 10:25

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de difundir, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación do Profesorado (CAFI) e da súa rede de formación permanente, unha guía para facilitarlles aos docentes a aprendizaxe a distancia durante o período de suspensión das clases polo COVID-19.

A guía (https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30573) recomenda facer unha planificación preliminar desde a titoría e non por materia, co obxectivo de non sobrecargar con tarefas o alumnado e de establecer rutinas que permitan un esquema de traballo similar ao habitual, na medida do posible.

No referido ás ferramentas que se poden usar, a guía recomenda empregar as institucionais, como as que proporciona a Consellería, que permiten enviar os contidos, recibir as tarefas e traballar en equipo. En calquera caso, indica que se seleccionaran outras diferentes sería recomendable consensualas entre todo o profesorado para facilitarlles o acceso ás familias.

Neste sentido cómpre lembrar que o departamento educativo da Xunta de Galicia pon ao dispor de cada un dos centros educativos unha aula virtual creada no entorno Moodle así como outras plataformas institucionais coma Agueiro (ferramenta corporativa de creación de portafolios dixitais educativos), Redeiras (rede social do profesorado galego), Espazo Abalar (repositorio de contidos educativos da Xunta de Galicia) e abalarMóbil.

Esta última aplicación permite, ademais, que as familias consulten información dos seus fillos a través do teléfono móbil desde calquera lugar, de forma cómoda e rápida. Así, van poder consultar os posibles avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo a través dun servizo de mensaxes que  ten como obxectivo prioritario facilitar a comunicación das familias co centro educativo.

Tamén se lles ofrece aos docentes orientacións técnicas para a creación de vídeos e materiais (arredor das licenzas axeitadas, limitación de espazos), así como unha descrición do posible desenvolvemento dunha xornada lectiva a través da rede.

Doutra banda, o documento relaciona diferentes espazos virtuais con recursos educativos de diferentes materias e niveis, unha listaxe de ferramentas específicas con diversas aplicacións (de debuxo técnico, software matemático, deseño 3D, aprendizaxe de linguas, etc). Así mesmo recorda que as webs de institucións como museos e pinacotecas (como o Museo do Pobo Galego, o MUPEGA ou o Museo do Prado, entre moitos outros) ofrecen percorridos virtuais e materiais didácticos.

Formación e asesoramento

Por último, a guía recorda as opcións do profesorado galego para a teleformación e asesoramento, tanto a través da plataforma da Rede de Formación do Profesorado, Platega, que continúa a desenvolverse con normalidade, como a través dos contidos en aberto que anuncia o CAFI a través das súas redes sociais.

En calquera caso, todos os docentes que  precisen resolver dúbidas poden contactar  co persoal asesor da Rede de Formación.