Novas instrucións en relación co COVID-19

Ven, 13/03/2020 - 13:56

Instrucións do 13 de marzo de 2020, provisionais dirixidas ás direccións dos centros educativos de ensino non universitario sobre a concreción das medidas a adoptar  en relación coa pandemia covid-19 para os vindeiros 14 días naturais contados dende o 16 de marzo de 2020

 

1. PROCESO DE ADMISIÓN

Amplíase provisionalmente o prazo de presentación telemática e presencial de solicitudes de admisión que finalizará 1 semana despois do reinicio das clases.

Recoméndase a utilización preferente da modalidade telemática para a presentación das solicitudes

 

2. PRESENZA DO PERSOAL DOCENTE E NON DOCENTE NO CENTRO

2.1. Establécese as seguintes previsións en relación coa presenza do persoal que se indican a continuación:

a) Educación infantil e primaria

-Centros de menos de 6 unidades

A titorización e a atención do alumnado realizarase cos medios non presenciais, telemáticos,  telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc)

-Restantes centros

Para a titorización e atención ao alumnado polos medios non presenciais, telemáticos, telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc) establécese a presenza do persoal docente que determine o equipo directivo, sempre que non presente sintomatoloxía. Non se terá en consideración o persoal de reforzo educativo, auxiliares de conversa..., etc. que non teñen a obriga de asistir ao centro.

b) Resto de ensinanzas

Para a titorización e atención ao alumnado polos medios non presenciais, telemáticos, telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc) establécese a presenza do persoal docente que determine o equipo directivo, sempre que non presente sintomatoloxía.

Non se terá en consideración o persoal de reforzo educativo, auxiliares de conversa..., etc. que non teñen a obriga de asistir ao centro.

c) Educación especial con servizo de residencia

Deberá existir o persoal suficiente docente, coidador e de cociña para garantir os coidados básicos do alumnado asistente.

d) Agás nos centros de educación especial con residencia, para o persoal de cociña, limpeza e persoal coidador aplicaranse as previsións do convenio colectivo para os períodos de inactividade.

e) O restante persoal de apoio e reforzo educativo non asistirá ao centro educativo

2.2. Criterios para a priorización da presenza do persoal nos centros.

De conformidade coas previsións do Acordo do Consello da Xunta de Galicia teñen preferencia para a obtención de permisos de conciliación o profesorado que teña ao seu coidado menores de 18 anos, maiores discapacitados e persoas maiores dependentes.

Para os casos nos que ambos os proxenitores teñan a condición de empregados públicos, a medida aplicarase a un deles (coa excepción de que un deles teña a condición de persoal sanitario).

2.3 No relativo ás ferramentas informáticas dispoñibles, e sen menoscabo das propias, remitirase aos centros educativos unha comunicación na que se indicarán as que están a disposición e o seu procedemento de uso.

Consulte as ferramentas informáticas

 

3. INSTRUCIÓNS RESPECTO DA ATENCIÓN DO ALUMNADO

3.1 O centro disporá das medidas precisas para facilitar a continuidade do proceso de aprendizaxe do alumnado fóra do ámbito escolar.

3.2 Cada centro, dentro da súa autonomía pedagóxica e de xestión, establecerá un sistema de comunicación e información co alumnado e as familias a través das ferramentas ou plataformas coas que traballa habitualmente, así como calquera outro medio de comunicación que o centro estime adecuado para esta situación.

3.3 Os equipos docentes e o restante profesorado elaborarán propostas de actividades para que o alumnado continúe co seu proceso educativo nos seus domicilios.

3.4 Prestarase unha especial atención á titorización do alumnado de 2º de bacharelato.

 

4 OUTRAS MEDIDAS DE CARÁCTER XERAL

4.1 Suspéndese todo tipo de actividade extraescolar

4.2 Suspéndese o servizo de cafetería nos centros de ensino secundario

4.3 Utilizarase como medio de comunicación prioritario coas direccións dos centros educativos o portal da dirección e o correo electrónico.

4.4 As direccións dos centros educativos divulgarán entre o persoal do centro as presentes instrucións e comunicaranas a todas as familias que as soliciten.

 

5. VIXENCIA DESTAS INSTRUCIÓNS

As presentes instrucións teñen carácter provisional, polo que poden ser modificadas en atención á evolución da pandemia.

A comunicación de calquera modificación das presentes instrucións realizarase coa maior inmediatez a través do portal da dirección.