A Consellería de Educación convoca 200 prazas para alumnado de 3º e 4º de ESO na STEMweek

Trátase dunha actividade formativa que estimula, á vez, a adquisición das competencias científico-tecnolóxicas e en lingua inglesa, no marco das estratexias Edudixital e Edulingüe

As estadías desenvolveranse no Centro Residencial Docente da Coruña en agosto

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 14 de marzo ao 13 de abril, ambos incluídos

Sáb, 14/03/2020 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria da actividade formativa STEMweek, dirixida á mellora das competencias en lingua inglesa e competencia científico-tecnolóxica ou STEM. En total ofértanse 200 prazas para alumnas e alumnos de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria, nunhas estadías que se desenvolverán no Centro Residencial Docente (CRD) da Coruña.

A STEMweek modifica este ano as súas datas para adecuarse mellor ás necesidades do alumnado ao que vai destinada a actividade, e pasará a desenvolverse na súa totalidade no mes de agosto. Desenvolverase, un ano máis, en dúas quendas (a primeira, para 3º de ESO, do 16 ao 22 de agosto; e a segunda, para 4 de ESO, do 23 ao 29) e terá carácter gratuíto para as familias. As actividades terán como obxectivo desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o interese do alumnado pola ciencia e polas súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía. Ao mesmo tempo, supón unha oportunidade para a mellora da competencia comunicativa en lingua inglesa.

Esta convocatoria forma parte da Estratexia Galega de Educación Dixital (Edudixital 2020) e, en concreto, da liña destinada a fomentar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) no ensino preuniversitario, co fin de tentar de espertar o interese dos máis novos, e especialmente das rapazas, polos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico de cara á elección de estudos superiores.

Por outra banda, ao desenvolverse de forma íntegra en inglés, esta actividade é unha das accións contempladas tamén na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras (Edulingüe 2020).

Solicitudes

Poderá solicitar a participación na STEMweek o alumnado que estea  cursando 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria no réxime xeral, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2019/20 en Galicia, que teña superadas todas as materias no curso 2018/19 cunha cualificación mínima de 6 na materia de inglés. Para puntuar e baremar as solicitudes recibidas teranse en conta a nota media do expediente no curso pasado, a renda per cápita da unidade familiar, a pertenza a familia numerosa e a discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez dalgún membro da unidade familiar en primeiro grao.

O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación na ligazón https://www.edu.xunta.gal/axudasst/ . Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación, e poderán elixir entre a presentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O prazo para a presentación das solicitudes será desde o 14 de marzo ao 13 de abril, ambos incluídos.