Carmen Pomar destaca o valor de asociacións como AMENCER-ASPACE na consecución dunha escola inclusiva

A conselleira visitou o centro desta entidade en Pontevedra

Os profesionais da Asociación poden prestar apoio e asesoramento nos centros educativos

Lun, 17/02/2020 - 13:20
Carmen Pomar destaca o valor de asociacións como AMENCER-ASPACE na consecución dunha escola inclusiva

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar destacou hoxe o valor de entidades como a Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns (AMENCER-ASPACE) na consecución dunha escola inclusiva. Fíxoo durante unha visita ao centro desta asociación na cidade de Pontevedra, un espazo centrado na atención educativa ao alumnado con parálise cerebral, e que colabora coas familias a través dun servizo de préstamo de material e produtos de apoio (posicionadores, bipedestadores, sistemas de sedestación, etc.).

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, que durante a súa visita estivo acompañada do presidente de AMENCER-ASPACE, Carlos Godoy, explicou que a Consellería mantén relacións de colaboración con esta entidade e con outra trintena de asociacións e colectivos especializados na atención á diversidade, tendo en conta que o contacto coas familias que adoitan conformalos facilita o achegamento ás necesidades xerais e particulares dos estudantes con necesidades específicas de apoio educativo.

Ao abeiro de esta cooperación, o persoal de AMENCER-ASPACE pode colaborar cos centros educativos en cuestións como o asesoramento na atención educativa ao alumnado con parálise cerebral, a orientación sobre metodoloxías axeitadas á intervención educativa e a información e formación que requiran os centros a este respecto. En calquera caso son os centros os que solicitan esta colaboración e a definan. Os termos da mesma quedarán recollidos na documentación de centro correspondente.

Neste sentido cabe sinalar que o CEEPR AMENCER-ASPACE acolle tamén un Centro de Recursos e Asesoramento pedagóxico, un servizo educativo especializado que colabora desde hai tempo con diferentes profesionais, familias, alumnas e alumnos e membros da entidade e das comunidades educativas e centros da provincia de Pontevedra. A súa finalidade é prestar asesoramento e apoio técnico na atención educativa, así como o desenvolvemento de diversas actividades formativas.

Así mesmo, AMENCER-ASPACE ten en funcionamento iniciativas como Inclusión á inversa: Entre coles anda o xogo, a través das que se crean espazos de inclusión coa participación de varios centros nos que se lle dá a coñecer ao alumnado a realidade das persoas con trastorno neuromotor; ou Ponte no meu lugar, no que se pon ás rapazas e rapaces a vivir situacións cotiás (comer, xogar...) cunhas limitacións similares ás das persoas con parálise cerebral.

No marco desta colaboración, a Consellería de Educación promove a formación permanente do profesorado nas accións relativas á atención á diversidade e, en concreto, ao alumnado con parálise cerebral; e colabora na sensibilización e na difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecementos das circunstancias específicas asociadas.