Carmen Pomar salienta a aposta de educación por fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado galego

A conselleira participou no congreso da Axencia Espacial Escolar Galega NOSA

Subliñou a importancia de aprender a investigar, a deseñar proxectos, a expoñer ideas e a divulgar contidos, unha metodoloxía de aprendizaxe que lle servirá ao alumnado para toda a súa vida

Lun, 10/02/2020 - 13:10
Carmen Pomar salienta a aposta de educación por fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado galego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe no IV Congreso MarumaSat, onde destacou a aposta do seu departamento por fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado galego, “unha vontade compartida” coa Axencia Escolar Galega, NOSA, organizadora deste encontro.

NOSA é proxecto educativo do que forman parte seis centros públicos, o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Miraflores (Oleiros), o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), o IES Arzobispo Xelmírez II (Santiago de Compostela), o CPI O Cruce (Cerceda) e IES Ferrol Vello (Ferrol). En marcha desde o curso 2014/2015 , ten como obxectivo principal levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través do deseño e construción dunha cápsula estratosférica (MarumaSat) que, no terceiro trimestre de cada curso, realiza un voo suborbital.

Carmen Pomar subliñou a importancia de NOSA na medida en que se realiza un traballo en equipo, onde os alumnos aprenden a investigar e a deseñar proxectos aplicando o método científico, a expoñer ideas e argumentos e a divulgar os logros obtidos. “Estades adquirindo unhas habilidades que vos serán útiles durante toda a vosa vida” sinalou a conselleira dirixíndose aos rapaces asistentes ao Congreso, a quen felicitou pola súa capacidade de traballo e creatividade. Así mesmo a conselleira loou a implicación dos docentes impulsores de NOSA, que desde distintas áreas sexan a tecnolóxica, as matemáticas ou a lingua e a literatura, “comparten valores educativos, pedagóxicos e metodolóxicos”.

Misión MarumaSat

Desde o primeiro lanzamento, e coa progresiva incorporación ao proxecto dos diferentes centros, a misión MarumaSat ten incorporado moitas melloras e un gran contido científico. De feito, as últimas cápsulas contaban con elementos como radiosonda atmosférica, placa Arduino con sensores de ozono, presión, humidade, temperatura e altitude e varios experimentos biolóxicos cos que se pretendían avaliar as condicións de habitabilidade do artefacto.

Neste momento os centros integrantes de NOSA están a traballar na misión Marumasat IV, con ambiciosos obxectivos como o de acadar un novo récord de altitude, incluír novos módulos de xeoposicionamento e, como obxectivo estrela, enviar un detector de muóns para facer unha nova comprobación experimental da relatividade especial de Einstein.

O espírito do programa, compartido por todos os docentes implicados, é concienciar o alumnado da utilidade dos coñecementos que adquire para dar resposta a retos tan complexos como desenvolver esta cápsula estratosférica. A iniciativa afonda, ademais, na cooperación entre alumnado dos distintos centros e diferentes idades.

Estratexia STEM

A Xunta de Galicia conta cunha estratexia específica, Edudixital, para impulsar entre as alumnas e os alumnos o interese polas competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), necesarias para executar iniciativas como a Axencia Escolar Galega NOSA. O obxectivo é que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, co fin de que ao finalizar os estudos acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica.

Entre as accións desenvolvidas ao abeiro desta estratexia está a oferta de materias como a de Programación e a de Robótica, a dotación de kits de robótica a centros de primaria e de secundaria,  a creación de Espazos Maker –tamén dotados de materiais específicos– ou o impulso de Clubs de Ciencia nos centros de ensino. Asemade, anualmente convócase a Semana STEM e a STEMWeek, estadías onde a rapazada pode poñer en práctica os diferentes coñecementos adquiridos na aula.

Así mesmo, no curso 2018/19 implantouse por primeira vez en Galicia o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach), que este curso imparten xa 31 centros.