Carmen Pomar aposta polo impulso das vocacións científicas desde idades temperás e a investigación universitaria de excelencia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional participou no acto con motivo da conmemoración do Día da Ciencia en Galicia, que nesta edición homenaxea ao científico Tomás Batuecas Marugán

Mar, 08/10/2019 - 13:45
Carmen Pomar aposta polo impulso das vocacións científicas desde idades temperás e a investigación universitaria de excelencia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, subliñou a importancia de promover e incentivar as vocacións científicas entre as nenas e os nenos desde as idades temperás a través da escola e xa, nun chanzo superior, a aposta por un sistema de investigación universitaria de excelencia. Así o asegurou esta mañá durante a súa intervención con motivo dos actos de celebración do Día da Ciencia en Galicia 2019, organizados pola Real Academia Galega de Ciencias e nos que nesta edición se honra ao científico Tomás Batuecas Marugán.

A titular de Educación do Goberno galego sinalou que a promoción da vocación científica entre a mocidade é “crucial” para acadar unha sociedade “máis informada, máis culta e, polo tanto, máis libre e preparada”. A este obxectivo responden unha serie de iniciativas que se están levando a cabo nos centros educativos galegos como é a impartición de materias como Robótica e Programación, os Clubs de Ciencia, ou o STEMbach, entre outros, que teñen como finalidade ofrecer unha formación específica que responda aos novos retos científicos e tecnolóxicos da sociedade.

Xa no eido universitario Carmen Pomar lembrou o “apoio permanente” co que a Xunta de Galicia sostén a investigación universitaria, tanto no eido de recurso humanos como na creación de agrupacións científicas que favorecen a competitividade e o acceso a fontes de financiación, así como a mellora da calidade e do impacto da produción científica.

Na edición deste ano, o Día da Ciencia en Galicia está dedicado á figura de Tomás Batuecas Marugán, que foi un referente internacional no estudo das investigación en torno aos pesos atómicos. Batuecas logrou a primeira cátedra de Química Física habilitada en España que foi a da Universidade de Santiago de Compostela, no ano 1932.

Do decurso do acto tamén se fixo entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, e das Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias.