Educación ultima o Protocolo de dislexia, que facilitará a intervención preventiva desde a escola ante dificultades de aprendizaxe do alumnado

Así o anunciou hoxe a conselleira Carmen Pomar con motivo das IV Xornadas Galegas de Dislexia que se celebran en Vigo

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional asegurou que esta guía busca ser unha axuda para a detección precoz e intervención psicoeducativa destas alumnas e alumnos

Pomar subliñou que un dos principais retos da educación do século XXI é a atención á diversidade, “que vai unida, de xeito indisoluble, coa potenciación do talento”

Lembrou que neste curso se vai reforzar a orientación coa incorporación dun segundo orientador nos vinte centros educativos con maior número de alumnado

Ven, 20/09/2019 - 17:42
Educación ultima o Protocolo de dislexia, que facilitará a intervención preventiva desde a escola ante dificultades de aprendizaxe do alumnado

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional está ultimando o Protocolo para a intervención psicoeducativa da dislexia e/ou outras dificultades específicas de aprendizaxe, que en breve vai estar a disposición do conxunto da comunidade educativa galega. Así o anunciou hoxe a conselleira Carmen Pomar con motivo das IV Xornadas Galegas de Dislexia organizadas pola Asociación Galega de Dislexia (AGADIX) que se celebran en Vigo, nun acto no que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro.

A conselleira de Educación explicou que este protocolo, -que se configura como unha guía de axuda na detección e intervención psicoeducativa acorde á realidade de cada unha desas alumnas e alumnos-, vai servir de apoio tanto aos profesionais do ensino como ás familias. Unha iniciativa que -en palabras da conselleira- “pon de manifesto a preocupación da Consellería de Educación para que todo o alumnado encontre na escola o espazo adecuado para o seu desenvolvemento persoal e social”. “Sen dúbida -abondou- un dos grandes retos da educación do século XXI é a atención á diversidade, que para min vai unida, de xeito indisoluble, coa potenciación do talento”.

Precisamente Galicia foi pioneira no conxunto do Estado en contar cun Decreto de atención á diversidade do alumnado, a través do cal se foron implementando unha serie de protocolos como os de TDAH, TEA, Atención Educativa domiciliaria ou Diabetes, aos que se van sumar en breve os de dislexia e de altas capacidades, todos eles ferramentas esenciais para avanzar no desenvolvemento dun sistema educativo inclusivo e equitativo que, á súa vez, contribúen á construción dun clima escolar positivo e respectuoso coa diversidade.

Ademais, este mesmo curso vaise reforzar a dotación de orientadores nos centros escolares (todos eles contan cun orientador), cun segundo profesional naqueles vinte centros con maior número de alumnado; a maiores dos especialistas en Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL), os equipos de orientación específicos (EOE), os coidadores e os intérpretes de lingua de signos que traballan no sistema educativo galego.

A conselleira aproveitou a súa intervención para poñer en valor a organización destas xornadas por parte de AGADIX, aos que agradeceu a colaboración activa e as achegas realizadas para a elaboración do Protocolo para a intervención psicoeducativa da dislexia que será presentado proximamente.