A Consellería de Educación inviste preto de 510.000 euros na mellora enerxética do CEIP de Tenorio (Cerdedo-Cotobade)

Carmen Pomar comprobou hoxe o avance dos traballos
A obra enmárcase no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas
Lun, 19/08/2019 - 12:41

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, comprobou esta mañá o avance das obras de rehabilitación enerxética que o seu departamento está a realizar no CEIP de Tenorio e que contan cun orzamento de 508.254,28 euros. Tal e como sinalou, o obxectivo é que o groso dos traballos estea rematado ao inicio do curso escolar. En calquera caso gardaranse as maiores condicións de seguridade naquelas obras que deban compatibilizarse co período lectivo. Na visita a conselleira estivo acompañada polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

As obras no CEIP de Tenorio enmárcanse no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas, que ampliou este ano a súa vixencia ata 2021. En concreto esta actuación de mellora da eficiencia enerxética do centro contempla a substitución de carpinterías por unhas novas de aluminio con rotura de ponte térmica, ao tempo que se mudan tamén as persianas por outras de aluminio con illamento térmico a base de espuma de poliuretano inxectada. Así mesmo, renovaranse os tabiques interiores para mellorar a acústica e illarase a fachada mediante inxección en cámara de perlas expandidas de EPS, para mellorar o confort térmico, así como o baixo cuberta con paneis de lá de roca.

No referido ao sistema de calefacción,  mellorarase a instalación en xeral, independizarase o acceso á sala de caldeiras e cambiarase a caldeira de gasóleo por unha de biomasa. Ademais renovaranse algúns falsos teitos, pulirase o pavimento de terrazo, realizaranse traballos de pintura e substituiranse as luminarias por unhas LED, ademais de instalarse equipos de regulación e equipos de detección de movemento.

Xa no exterior, renovaranse os canlóns e baixantes no patio cuberto e colocarase nova carpintería exterior no ximnasio, con motorización das fiestras máis altas.

Un centro moi dinámico

A conselleira quixo destacar tamén o dinamismo deste centro do rural. Non en balde, o CEIP de Tenorio participa en programas como o de Introdución da robótica en primaria ou o de libro dixital E-Dixgal (ao que se incorporou no pasado curso 2018/19). Así mesmo, no curso que acaba de rematar desenvolveu tres liñas dos contratos- programa (Reforzo, orientación e apoio (PROA), Mellora das competencias clave e Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros) e participou en ata catro iniciativas do Plan Proxecta, relacionadas coa antureza, a actividade física, o cinema e a fotografía.