Carmen Pomar agradece o labor da ONCE a prol da integración educativa do alumnado con discapacidade visual

A conselleira visitou o Centro de Recursos Educativos da Organización Nacional de Cegos Españois en Pontevedra, onde se están a desenvolver cursos intensivos de inglés para mozos e mozas discapacitados visuais de todo o Estado e do estranxeiro
Mar, 16/07/2019 - 11:56

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, achegouse esta mañá ao Centro de Recursos Educativos da Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) en Pontevedra, onde se están a desenvolver unha serie de cursos intensivos en inglés nos que participan docentes e mozas e mozas con discapacidade visual procedentes de todo o territorio nacional e tamén do estranxeiro (principalmente dos países do sur da UE).

Tras facer un percorrido polas instalacións deste centro formativo -que cumpriu o seu 75 aniversario o ano pasado- e coñecer de cerca os proxectos que teñen en marcha, Carmen Pomar quixo agradecer o traballo “pioneiro” que está a realizar a Organización Nacional de Ciegos de España a prol da integración do alumnado con discapacidade audiovisual, tanto no eido educativo como na súa vida cotiá. 

“A educación é froito do esforzo coordinado dos centros e a administración educativa, da familia e da sociedade. E tamén de institucións como a ONCE que creron, hai xa moitos anos, que ter unha discapacidade non era un impedimento para facer realidade as ilusións de cada persoa”, dixo a conselleira, quen destacou que ese espírito no que esta organización foi pioneira é unha guía para a Consellería que dirixe.

“Conseguir a formación integral de todo o alumnado, aproveitando todas as súas capacidades intelectuais, sociais, emocionais e éticas” é o reto que se marca a conselleira xa que “só desta maneira, cunha formación integral que faga compatible o progreso intelectual coas actitudes responsables cara á diversidade, seremos capaces de fomentar tamén os valores persoais que favorezan a xustiza social e o respecto aos demais”, abondou.

Acordos de colaboración en materia de profesorado e recursos tecnolóxicos

Cómpre lembrar que, no marco da colaboración con entidades especializadas para a mellora na atención á diversidade, desde hai seis anos a Consellería de Educación mantén acordos coa ONCE para prestar atención especializada a unhas 400 alumnas e alumnos con discapacidade visual en centros educativos de toda Galicia.

Ao abeiro deste acordo que se renova anualmente, profesorado do corpo de mestres desenvolven as súas tarefas profesionais nos equipos específicos da ONCE, prestando apoio ao alumnado cego ou con discapacidade visual, tanto en educación primaria, 1º e 2º da ESO, como en centros e unidades de educación especial.

Ademais do ámbito docente, tamén se facilita que o alumnado con discapacidade visual escolarizado en centros ordinarios teña acceso aos recursos tecnolóxicos e a transcrición e gravación a braille dos libros de textos e dos materiais curriculares.