A rehabilitación integral do CEIP de Prácticas (Ourense) permitirá un aforro enerxético do 22,6%

A conselleira de Educación visitou hoxe o centro
Os traballos comezarán a executarse a mediados do mes de xullo
Mar, 14/05/2019 - 12:09

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP de Prácticas, na cidade das Burgas, para o que o pasado venres se licitou na plataforma Contratos de Galicia unha obra de rehabilitación integral que permitirá un aforro enerxético do 22,6 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 21,2 % en emisións de CO2.

Durante a súa visita a conselleira tivo a oportunidade de coñecer as iniciativas que está a desenvolver este centro ourensán e agradeceu a implicación da comunidade educativa no día a día do colexio. Neste sentido, salientou que nunha educación de calidade é imprescindible non só o traballo dos docentes e os equipos directivos, senón tamén o apoio das familias.

Así mesmo expúxose o cronograma das obras, que está previsto que comecen a mediados do mes de xullo e se realicen no verán na súa meirande parte para interferir o menos posible na actividade lectiva. O orzamento de licitación desta actuación ascende a 1.054.797,06 euros. Con eles acometeranse traballos para a mellora da eficiencia enerxética, en concreto o illamento das fachadas dos seus dous edificios, a colocación de panel sándwich na cuberta do edificio principal e de illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta, a instalación de novas persianas na planta baixa e a substitución de luminarias por unhas novas de alta eficiencia enerxética con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza en corredores e aseos.

Ademais colocaranse ventás de vélux no faldón da cuberta, cubriranse tres patios interiores, limparase a fachada, instalaranse falsos teitos acústicos nas aulas, mudarase a carpintería interior da segunda planta, pintarase o interior de todo o centro e pulirase o pavimento de terrazo. Así mesmo faranse uns aseos infantís na planta baixa e cambiarase a valla de separación co IES 12 de Outubro.

O obxectivo das actuacións de rehabilitación integral é a posta a punto dos centros máis antigos do sistema. Deste xeito, desde as unidades técnicas provinciais escolleuse, en base a criterios exclusivamente técnicos, centros de ensino construídos entre 1970 e 1985, que presentaban necesidades de mellora enerxética e funcional e cun número de alumnas e alumnos, en xeral superior a 150.

Na súa visita ao centro Carmen Pomar estivo acompañada na súa visita ao centro pola delegada da Xunta na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez Abad.