Educación licita a segunda fase da ampliación do CEIP Otero Pedrayo (A Laracha) por 508.500€ e seis meses de execución

Xov, 11/04/2019 - 14:19

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de licitar a segunda fase da ampliación do CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha) por un importe de 508.498,12 euros e un prazo de execución de seis meses a contar desde o inicio das obras, tal como publica hoxe o portal Contratos de Galicia.

O novo edificio contará con 3 aulas de infantil con aseos incorporados e cunha superficie total construída de 300 m². O módulo terá acceso desde o edificio construído na ampliación de 2015 a través dunha galería de paso con paramentos acristalados e máis cun espazo exterior de xogos cuberto. Ademais, contará con calefacción por chan radiante e con sistema de luminarias led de alta eficiencia enerxética. Ao tratarse dun volume independente, poderá executarse durante o curso escolar sen trastorno para a comunidade educativa.

Coa construción deste novo edificio a totalidade do alumnado de Infantil do centro contará cuns espazos máis confortables, accesibles e adaptados a este nivel de ensinanzas. No edificio antigo, dos anos 70, non dispoñían de aulas con aseo incorporado, entre outras comodidades.

Coa segunda fase queda completada a ampliación que na súa primeira fase supuxo a construción dun volume de 800 m² con 6 aulas de Infantil, unha sala de usos múltiples, dúas aulas de apoio e servizos comúns, así como cun espazo exterior de xogos con pavimento de caucho brando, cun custe de 1 millón de euros.