Carmen Pomar destaca a implicación da comunidade educativa do CPI de Fonte-Díaz (Touro)

O centro é moi activo no desenvolvemento de programas educativos innovadores e transversais

Lun, 18/03/2019 - 12:08
Carmen Pomar destaca a implicación da comunidade educativa do CPI de Fonte-Díaz (Touro)

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o CPI de Fonte-Díaz, na localidade coruñesa de Touro, onde tivo a oportunidade de agradecerlle á comunidade educativa a súa implicación. Non en balde, ademais de ser plurilingüe desde o curso 2010/11 e incorporar no curso actual o plurilingüismo na etapa de infantil, o centro desenvolve numerosos programas educativos innovadores e transversais.

Neste sentido destacou que o traballo diario dos docentes fai posible que o alumnado de centros do rural coma este teñan as mesmas oportunidades cós centros con maior número de estudantes situados en núcleos de poboación de maior tamaño.

O centro educativo, o único do concello de Touro, desenvolve este curso varias liñas dos contratos programa, en concreto o Programa de Reforzo, Orientación e Apoio (PROA), a de mellora das competencias clave en matemáticas e en comunicación lingüística, a de mellora da convivencia e promoción da igualdade e a destinada a mellorar a xestión dos centros educativos.

O CPI participa, así mesmo, no Plan Proxecta, iniciativa na que colaboran diferentes organismos e que está dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores. Neste caso o centro participa este curso no programa Aliméntate ben, para a mellora dos hábitos alimenticios do alumnado; en Donas de si, de visibilización e empoderamento das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega; e en Xogade, para a promoción da vida activa e saudable.

Na súa visita a conselleira estivo acompañada polo alcalde de Touro, Ignacio Codesido; polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; e polo xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana.