A Xunta convoca o concurso Eduemprende Idea para potenciar proxectos empresariais no alumnado

Está dirixido ás persoas matriculadas nas ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño

Lun, 11/03/2019 - 10:29

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do concurso Eduemprende Idea, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño. O certame, enmarcado no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, Eduemprende, conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape. Ademais, os premios están cofinanciados polo Ministerio do ramo e polo Fondo Social Europeo.

As persoas que desexen participar deberán achegar coa solicitude unha ficha das e dos integrantes do grupo (mínimo de 2 e máximo de 4), un proxecto de empresa e un resumo executivo e un vídeo do mesmo. Toda a información pode consultarse na páxina web dos premios, na que tamén se publicará a relación de persoas admitidas.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Premiarase aos tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade, unha dirixida a ciclos de grao superior e outra a ciclos de grao medio. En calquera caso, nas dúas modalidades o premio consistirá na incorporación a un viveiro de empresa da Consellería, no asesoramento técnico do Igape e nunha dotación económica de 3.000 € (1º premio), 2.000 € (2º premio) e 1.000 € (3 premio).