Educación convoca os primeiros premios de excelencia académica ao alumnado de grao das universidades galegas

A Consellería destina 440.000 euros a estes novos galardóns

Premiarase o mellor expediente de cada un dos cursos de grao, agás o último

Sáb, 02/03/2019 - 10:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial. Na súa primeira edición, estes galardóns premiarán os estudantes que obtiveron as mellores cualificacións no 2017/18 no Sistema Universitario de Galicia (SUG) en cada un dos cursos de grao, agás o último.

O orzamento total da convocatoria ascende a 440.000 euros e cada persoa que resulte premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

Non será necesario presentar solicitude ningunha xa que serán as universidades quen seleccionen os expedientes académicos das persoas que, superando a totalidade dos créditos correspondentes a un curso académico completo segundo o plan de estudos na primeira convocatoria, obtivesen a maior nota media, sempre superior aos 8 puntos.

Concederase un premio por cada titulación oficial de grao ao alumnado que finalizase os estudos de 1º, 2º e 3º curso. Quedan excluídos os de último ano por poderen optar aos premios fin de carreira que tamén convoca a Consellería. Para o alumnado dos graos oficiais con máis de catro cursos, segundo o plan de estudos de ditas titulacións, estenderase o premio ata o cuarto curso para os graos de 5 anos e ata o quinto curso para o grao de 6 anos.

O obxectivo deste premios é motivar ao alumnado universitario para mellorar o seu currículo ao recoñecer a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo e o seu mérito e esforzo no estudo. Neste sentido, a Consellería entende que estimular o aproveitamento académico significa seguir apostando pola construción dun SUG excelente, competitivo e de calidade.

Esta nova liña de axudas enmárcase, ademais, no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia para o trienio 2018-2020, que lles permitirá dar un novo salto de calidade ás universidades galegas para seguir avanzando nun camiño de vangarda e excelencia.