Educación convoca 1.600 prazas en estadías para que o alumnado mellore as súas competencias en linguas estranxeiras

A Consellería sufragará entre o 87% e o 50% do custo destas actividades
O prazo de solicitude ábrese mañá 21 de febreiro
As estadías formativas, segundo a diversa oferta de actividades, desenvolveranse en réxime residencial en Galicia ou ben en familia ou residencia no estranxeiro
Mér, 20/02/2019 - 11:09

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de 1.600 prazas para que o alumnado mellore as súas competencias en linguas estranxeiras en estadías lingüísticas, o mesmo número que o ano pasado. O obxectivo é que os estudantes de ESO e Bacharelato practiquen o aprendido durante o curso a través de estadías formativas, ben en réxime residencial en Galicia, ben en familia ou residencia no estranxeiro.

A Consellería sufragará entre o 87% e o 50% do custo das estadías que realice o alumnado beneficiario. O prazo de solicitude da convocatoria estará aberto de mañá, 21 de febreiro, ao 20 de marzo.

No caso do alumnado de 1º, 2º, 3º, e 4º da ESO, convócanse 1025 prazas, en réxime residencial na Comunidade Autónoma de Galicia, en estadías de unha ou dúas semanas e con profesorado nativo.

No caso do alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, convócanse 575 prazas, en réxime de familia ou residencial, tanto na Comunidade Autónoma de Galicia como no estranxeiro, con profesorado nativo. As estadías terán unha duración de unha a tres semanas en verán. Neste número de prazas inclúese, para 1º de Bacharelato, a opción de realizar unha estadía de integración no sistema educativo dun país estranxeiro a inicio do vindeiro curso 2019/20 durante 4 semanas.

Solicitudes

As persoas interesadas poderán realizar a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta ou seguindo as instrucións correspondentes da aplicación dispoñible a través da sección de linguas estranxeiras do portal educativo, onde tamén se farán públicas as listaxes cos nomes do alumnado que se beneficiará das achegas. As axudas poderán tamén solicitarse presentando o formulario normalizado, dispoñible na sede electrónica da Xunta, por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Para obter as bolsas, os candidatos e as candidatas terán que estar cursando, no réxime xeral, 1, 2º, 3º ou 4º de ESO ou 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2018/19, na Comunidade Autónoma de Galicia; ter unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía de Ben ou 6 no curso 2017-2018, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico. Para a actividade de integración, que se desenvolverá no inicio do curso 2019/20, ademais das condicións xa citadas, deberán estar matriculados nun centro da Rede de Centros Plurilingües.

Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota media do expediente académico no curso 2017/18 e a renda per cápita da unidade familiar. Ademais, terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa, contar cun membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez. Igualmente, o feito de non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado.

Contacto idiomático

O propósito desta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2020 (Edulingüe), non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón que este idioma o poñan en práctica durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros, excursións ou veladas nocturnas. Todo isto permitirá darlle unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado, promovendo unha inclusión total en lingua inglesa.