Educación investirá preto de 800.000 euros na ampliación do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel
Carmen Pomar visitou hoxe este centro e a EASD Antonio Faílde
O obxectivo é dar resposta á alta demanda deste centro, que conta con máis de 830 matriculados
O CIFP está ademais a impartir dous ciclos plurilingües e traballa xa na ampliación desta acción
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta tarde o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, no que o seu departamento ten previsto investir preto de 800.000 euros en obras de ampliación. O obxectivo desta mellora é dar resposta á alta demanda coa que conta este centro, no que están matriculados xa máis de 830 estudantes.
Así mesmo, o CIFP está interesado en ampliar o número de ciclos plurilingües que imparte, neste momento dous: Laboratorio de análise e de control de calidade e Hixiene bucodental. Cómpre salientar que Ourense é a cidade galega que conta coa oferta máis ampla de ciclos plurilingües públicos, dado que cada un dos tres CIFP de titularidade da Consellería de Educación (A Carballeira-Marcos Valcárcel, A Farixa e Portovello) imparte dous ciclos en inglés.
Neste momento estase a avaliar a encarga do proxecto técnico, que se desenvolverá no segundo trimestre deste ano 2019. O obxectivo é licitar a obra antes de que remate o ano. A actuación consistirá no reforzo da estrutura para a construción dunha planta adicional cunha superficie construída duns 1.000 m², dos que aproximadamente 700 m² útiles corresponderán a espazos lectivos. Nela ubicaranse dúas aulas polivalentes e seis aulas-taller para as familias profesionais de Sanidade, Química e Informática. Con esta obra, o investimento da Consellería neste centro desde 2009 elevaríase a máis de 1,2 millóns de euros.
A conselleira, que estivo acompañada pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e polo alcalde, Jesús Vázquez Abad, felicitou tamén o centro pola súa excelente participación nas Galicia Skills 2018. Non en balde un dos seus alumnos, Iván Rodríguez Salgueiros, gañou a medalla de ouro na skill de Solucións de software para empresas, polo que formará parte do equipo que participe en Spain Skills.
Máis de 10 millóns
A ampliación do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel reafirma o compromiso da Consellería coas infraestruturas educativas da cidade de Ourense. Non en balde, desde 2009 lévanse investidos preto de 11 millóns de euros nestas melloras, entre as que destacan a ampliación do IES Universidade Laboral, a ampliación da Escola Oficial de Idiomas e as rehabilitacións integrais do CPI José García García e do CEIP de Seixalbo.
Ademais o Plan de Infraestruturas Educativas ata o ano 2021 contempla obras na cidade de Ourense como a devandita ampliación, a rehabilitación enerxética do CIFP Portovello e a creación dun Centro Galego de Innovación da FP en Ourense. O investimento total nestas tres actuacións será de aproximadamente 4,8 millóns de euros.
Escola de arte
Carmen Pomar aproveitou o seu paso por Ourense para visitar a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde, que conta con case 300 alumnas e alumnos distribuídos entre as ensinanzas profesionais de Ebanistería Artística, Fotografía e Ilustración, e as superiores de Deseño Gráfico e Deseño de Interiores.
A conselleira felicitou o equipo directivo do centro, que remata o seu mandato este ano, polo excelente labor realizado á fronte desta activa Escola. De feito o centro foi responsable en 2018 da organización dos Premios Mestre á excelencias nas ensinanzas de Artes Plásticas e desenvolve, entre outros, o programa Erasmus+.