Máis da metade dos centros educativos galardoados cos Premios GSD Innova son galegos

IES Luis Seoane (Pontevedra) e o CPI Uxío Novoneira (Pedrafita do Cebreiro) obtiveron os primeiros premios de cada modalidade do certame, mentres que o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol) obtivo un segundo

IES Lucus Augusti (Lugo) e o CEIP de Laredo (Redondela) foron hoxe tamén condecorados coa Placa de Honor da Orde Civil de Alfonso X O Sabio

Lun, 04/02/2019 - 19:39
Máis da metade dos centros educativos galardoados cos Premios GSD Innova son galegos

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, acompañou hoxe en Madrid a membros da comunidade educativa de tres centros na recollida dos Premios GSD Innova. Dos cinco galardóns outorgados neste certame, máis da metade foron para centros galegos.

Deste xeito, na modalidade I, de proxectos educativos desenvolvidos por docentes que traballen directamente na aula de educación regulada, foi para o IES Luis Seoane (Pontevedra) polo proxecto Obxectivo: Igualdade. Para outorgar este galardón o xurado valorou a importancia da igualdade de xénero como valor social e persoal neste proxecto, dirixido a alumnado de Secundaria cunha significativa diversidade cultural e destaca que a idea naceu dos propios estudantes.

O segundo premio desta modalidade recaeu tamén nun centro galego, en concreto no CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol), polo proxecto A miña escola, a miña familia. Neste caso o xurado salientou o compromiso do centro coa educación en valores e a innovación educativa, “nun proxecto que persigue o benestar do alumnado, a promoción do sentimento de pertenza, a prevención do absentismo e a implicación da comunidade educativa”.

Na modalidade II o primeiro premio foi para o CPI Uxío Novoneira (Pedrafita do Cebreiro). Esta categoría está dirixida a proxectos que supoñan un punto de encontro entre persoal docente e profesionais doutros sectores da comunidade educativa (ANPAs, empresas externas…) para mellorar, desenvolver, ampliar ou complementar procesos educativos ou os obxectivos recollidos no Proxecto Educativo do Centro. Neste sentido o documental galardoado, Desde o noso, foi valorado polo seu esforzo por valorar e difundir o entorno rural mediante un produto de alta calidade estética e valor etnográfico.

Outorgados pola Fundación GSD de Innovación Educativa estes premios teñen por obxectivo dinamizar a participación dos profesionais docentes e non docentes e fomentar a busca e desenvolvemento de métodos educativos innovadores que melloren a docencia e faciliten a aprendizaxe. Para iso, buscan fomentar o traballo en equipo, o uso das tecnoloxías de aprendizaxe e a comunicación (TAC) e dar a coñecer os proxectos desenvolvidos para a mellora continua da calidade da docencia.

Optimizar a integración e o rendemento dos estudantes, apostando por metodoloxías inclusivas dentro da atención á diversidade é outra das misións destes galardóns.

Placas de Honor

Por outra banda, o IES Lucus Augusti (Lugo) e o CEIP de Laredo (Redondela) tamén foron protagonistas hoxe, ao recolleren cadansúa Placa de Honor da Orde Civil de Alfonso X O Sabio, acto no que tamén estiveron acompañados polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.

Mediante o ingreso nesta Orde, o Ministerio de Educación y Formación Profesional premia as persoas físicas  e  xurídicas  e as entidades que se distinguisen polos méritos contraídos nos eidos da educación,  a  ciencia,  a  cultura,  a  docencia  e a investigación ou que prestasen servizos destacados en calquera deles.