Unha nova ferramenta facilitará a elaboración de horarios lectivos nos centros educativos de Galicia

‘Xade Horarios’ aforrará tempo e traballo aos equipos directivos e persoal de colexios e institutos

O programa estará dispoñible nos próximos días para a súa descarga desde a web do XADE, con carácter totalmente gratuíto

Dom, 05/06/2011 - 11:10
Unha nova ferramenta facilitará a elaboración de horarios lectivos nos centros e
Unha nova ferramenta facilitará a elaboración de horarios lectivos nos centros educativos de Galicia

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria porá a disposición dos centros educativos para o curso 2011/12 unha ferramenta de integración de XADE cos programas de xestións de horarios, ‘Xade Horarios’, o que facilitará a elaboración dos mesmos, evitando a introdución de datos duplicados tanto en XADE coma no xestor de horarios. Así o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad pon en marcha unha nova iniciativa para facilitar o traballo aos equipos directivos.

‘Xade Horarios’ permite descargar os datos de grupos, profesorado e materias da aplicación XADE para utilizalos en programas de xeración de horarios externos, como pode ser a ferramenta de software libre FET, que é a que xera propostas de combinación de horas de clase para conformar o horario final. Desta forma, non será necesario cargar de forma manual os datos no FET, senón que estes serán exportados de forma automática a través de ‘Xade Horarios’, o que significa un aforro de tempo para o persoal de colexios e institutos. Ademais, unha vez confeccionado o horario, tamén estará dispoñible en XADE, e sen necesidade de introducir a man os datos, a carga automática do mesmo.

Con calquera sistema operativo

Os formatos de intercambio de datos de horarios son públicos, de xeito que calquera ferramenta comercial poderá adaptarse aos mesmos e utilizar dita funcionalidade. Trátase ademais dun programa desenvolvido en linguaxe Java, o que permite que poida instalarse e funcionar correctamente en calquera Sistema Operativo, grazas ao seu soporte multiplataforma.

O resultado é o acceso do usuario a unha interface doada e intuitiva, apoiada por documentación de apoio, polo que non se requiren coñecementos avanzados de informática para o seu uso. O programa estará dispoñible nos próximos días para a súa descarga desde a web do XADE, con instrucións de inicio concretas para os Sistemas Operativos máis empregados.

Promoción do software libre

A integración co programa FET é un exemplo máis do esforzo da Consellería de Educación na promoción e uso do software libre no eido educativo. A ferramenta FET é unha das máis avanzadas en canto a xestión de horarios, de feito, dende a versión actual - Fet-5.14.5- o programa estará dispoñible en galego, ofrecendo a comunidade educativa da posibilidade de traballar cunha nova ferramenta con moitas posibilidades e completamente gratuíta.