A Xunta convoca axudas para o fomento do uso do galego no ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no DOG cadansúa orde de subvencións destinada a apoiar o labor dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega e abre os prazos de solicitude para os centros de titularidade pública e privada desde mañá

Xov, 24/01/2019 - 10:30

A Xunta de Galicia, a través das consellerías de Cultura e Turismo e de Educación, Universidade e Formación Profesional, convoca hoxe, por medio da publicación de dúas ordes da Secretaría Xeral de Política Lingüística no Diario Oficial de Galicia (DOG), as axudas para o fomento da lingua galega no ensino, tanto para centros de titularidade pública como para centros de titularidade privada. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata os días 13 e 25 de febreiro de 2019, respectivamente.

Ambas as convocatorias teñen a finalidade de contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega e o profesorado responsable de cada proxecto de fomento do galego durante o curso académico 2018/2019 naqueles centros educativos que imparten ensinanzas regradas de niveis universitarios e que contan con menos de seis unidades. O texto completo das convocatorias está dispoñible no Portal da Lingua Galega http://www.lingua.gal e na Sede Electrónica da Xunta de Galicia).

Criterios de valoración

Os equipos ou o profesorado responsable da dinamización da lingua galega nos centros educativos que desexen optar a estas axudas deberán presentaren un proxecto de actuación de cuxa valoración dependerá fundamentalmente a contía –un máximo de 800 euros– que obterán para desenvolvelo. Terase en conta tamén o número de alumnado con que conte o colexio ou instituto.

Os criterios de valoración dos proxectos inciden no grao de implicación nestes por parte dos distintos membros da comunidade educativa; no nivel de utilización das TIC; no grao de colaboración con outros centros educativos, así como con entidades, institucións e asociacións externas ao colexio ou instituto; na realización de actividades plurianuais e na tipoloxías das actividades propostas.

Apoio ao labor dos EDLG

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia sinala a necesidade de afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de Normalización Lingüística no tocante ao ensino. Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz. O devantido decreto regula, no artigo 15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para potenciar o seu uso nos centros educativos.

Coa finalidade de valorar e de apoiar o labor dos equipos de dinamización da lingua galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística considera necesario seguir a adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos, polo que se convocan estas axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos.

Menús News node R

Departamento

Colectivo