Título node Learning object

Contornos e contornas: Xornada para mellorar os espazos das escolas
Xov, 22/11/2018 - 13:05
Contornos e contornas: Xornada para mellorar os espazos das escolas

A Cidade da Cultura de Galicia celebrará o sábado 24 de novembro a primeira edición de Contornos e contornas. Unha visión transdisciplinar sobre a arquitectura, na que profesionais da arquitectura, psicoloxía e pedagoxía procurarán crear un clima de reflexión e de propostas en común sobre as melloras a aplicar nos recintos educativos para mellorar a habitabilidade, benestar e o clima de ensino e aprendizaxe, tirando proveito dos respectivos coñecementos destas disciplinas.

Nesta primeira edición, Contornos e contornas centra o seu obxecto de análise nos recintos educativos, coa intención de que, a través dunha aproximación atenta e detida, se acade un clima de reflexión conxunta entre profesionais da arquitectura e as ciencias sociais. Dúas disciplinas chamadas a entenderse e que evidencian, en máis dunha ocasión, que están máis desconectadas entre si do que deberan.

Fronte esta situación, a xornada procura crear un espazo de debate sobre a necesidade de establecer unha complementariedade efectiva entre disciplinas, rexeitando o tradicional illamento metodolóxico entre arquitectos e profesionais do eido pedagóxico á hora de acometer os proxectos de escola. Trátase dunha xornada que, desde o eido da docencia, é de enorme interese, xa que o espazo e o deseño dun centro inflúe no ensino, na aprendizaxe, no xeito de relacionarse da cativada e tamén no xogo.