Máis de 1300 alumnos de centros plurilingües preséntanse mañá ás probas para certificar o nivel B1 ou B2 de inglés

Os exames, de carácter gratuíto, terán tamén unha parte oral, que se desenvolverá entre o 19 e o 23 de novembro
O 84% dos estudantes participantes na anterior convocatoria obtiveron o certificado
Ven, 16/11/2018 - 10:35

Un total de 1322 alumnos e alumnas dos centros plurilingües de Galicia preséntanse mañá sábado ás probas organizadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para que acrediten o seu nivel de coñecemento lingüístico en inglés de acordo cos niveis B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).

Trátase da segunda ocasión en que a Consellería habilita un procedemento deste tipo para que os estudantes que cursan Bacharelato e Formación Profesional na Rede de Centros Plurilingües teñan a posibilidade de certificar o seu nivel neste idioma estranxeiro a través dunhas probas gratuítas para as familias.

Os exames escritos realizaranse mañá, 17 de novembro, nos IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña), Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), Blanco Amor (Ourense), Politécnico de Vigo e no CIFP Politécnico de Lugo. As probas orais desenvolveranse entre o 19 e o 23 de novembro en cada un dos centros educativos con alumnado participante nas mesmas.

Cómpre lembrar que o B1 equivale a un nivel intermedio, e é o que requiren moitas universidades para poder titular. Polo tanto estas probas supoñen a oportunidade de obter de balde unha acreditación da aprendizaxe en lingua estranxeira co aval dunha entidade certificadora de recoñecido prestixio como é o Trinity College. Na primeira convocatoria destas probas, celebrada en xuño de 2018, obtiveron a certificación 391 alumnos, o 84% dos que se presentaron aos exames.

Esta iniciativa enmárcase nas liñas establecidas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2020, que establece, entre outras accións, a habilitación de procedementos específicos para certificar o alumnado dos centros plurilingües ao final de cada etapa, ben a través das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), ou mediante entidades estranxeiras certificadoras, como é o caso destas probas. O obxectivo final é que o 30% do alumnado certifique un nivel B1 ao remate da ESO nun centro plurilingüe, e un nivel B2 ao final do Bacharelato.