A conselleira de Educación salienta a importancia da implicación do conxunto da cidadanía para acadar unha inclusión real na xornada ‘Educación e Autismo’

Carmen Pomar participou no peche da xornada ‘Educación e autismo’, convocada por Fundación Menela e Autismo Galicia
Galicia conta cun protocolo específico para a atención do alumnado con TEA
Ven, 05/10/2018 - 17:49

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe no peche da xornada Educación e autismo, onde salientou a importancia da implicación do conxunto da cidadanía para acadar unha inclusión real. A este respecto, lembrou, que a maiores do Decreto polo que se regula a atención á diversidade, a Consellería aposta por atender as necesidades específicas de atención educativa a través de protocolos específicos, da colaboración con entidades tanto na formación do profesorado como na sensibilización social e da formación permanente do profesorado.

O encontro, convocado por Fundación Menela e Autismo Galicia, tivo como obxectivo afondar na resposta educativa ás persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). No evento presentouse tamén o número 22 da revista Maremagnum, no que se aborda o debate de cal é a mellor opción de escolarización de nenos e nenas con TEA, desde a visión de que a decisión deber ser tomada desde a análise individualizada de cada caso.

Protocolo específico

A Consellería de Educación conta cun amplo abano de recursos, normativos, orientativos e humanos, para atender a diversidade do alumnado galego, todos eles sustentados sobre a base que constitúe o Decreto 229/2011, de 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes. Neste sentido, Galicia é a comunidade co sistema máis inclusivo, co 92,4% dos alumnos con necesidades específicas de atención educativa escolarizado en centros ordinarios e con máis de 3500 persoas dedicadas en exclusiva á atención destes escolares.

No caso concreto do TEA, a Consellería publicou en 2016 o primeiro Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo do sistema educativo galego, un documento elaborado en colaboración coas asociacións e colectivos implicados nesta diversidade. O documento ten como obxectivo servir como guía para profesionais do ensino e familias, facilitando desde a detección do TEA ata a adaptación metodolóxica e individualización do ensino para dar resposta ás necesidades do alumno como persoa.

Convenios de colaboración

Para conseguir este fin, o protocolo articúlase en epígrafes, centrados no concepto do TEA (conforme co manual de trastornos mentais DSM-5), a  diagnose do mesmo, o tratamento educativo do alumnado con este trastorno, e o proceso de seguimento e avaliación. Finalmente achégase un pequeno glosario de termos ou conceptos utilizados ao longo do documento, referencias bibliográficas e tres anexos con documentos que poden servir de axuda como indicadores do trastorno, con probas específicas de screening e cun esquema que sintetiza ou orienta o percorrido que cómpre seguir ante a sospeita dun caso de TEA.

Ademais, a Consellería ten neste momento convenios de colaboración coa Asociación B.A.T.A., a Fundación Menela, a Asociación ASPANAES, a Asociación Raiolas, a Federación Autismo Galicia, a Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo (TEAVI) e coa Asociación galega de familias de persoas afectadas pola síndrome de Asperger (ASPERGA) para facilitar o tratamento educativo do TEA.

Sociedade inclusiva

En complemento ás accións antes mencionadas e coa finalidade de seguir avanzando cara á plena inclusión no sistema educativo, a Consellería vén de introducir como nova materia de libre configuración autonómica a de Sociedade inclusiva, dirixida ao alumando de 1º e 2º de ESO. A materia afonda na inclusión como concepto, como dereito e como obriga cidadá desde os principios do deseño e a accesibilidade universal, co obxectivo da concienciación e educación social para lograr unha sociedade que cumpra cos principios recollidos na declaración dos dereitos humanos, das persoas con discapacidade e no proxecto común europeo.

No currículo, a sociedade inclusiva é entendida como aquela que se apoia na convicción de que todas as persoas poden desenvolverse plenamente cando se lles outorgan as oportunidades de aprendizaxe axeitadas, se estimulan as capacidades e responsabilidades sociais na escola, pero tamén nos contornos de convivencia e ao longo de toda a vida, traballando en colaboración coas familias e outros membros da comunidade. Deste xeito, a materia favorece a formación dos alumnos como cidadáns activos participativos e comprometidos coa inclusión plena e real.