Lousame acolle a mostra María Victoria Moreno: paisaxes e personaxes

O secretario xeral de Política Lingüística e a alcaldesa visitárona hoxe na Casa da Cultura
A itinerancia do proxecto expositivo conmemorativo das Letras Galegas 2018 proseguirá ata finais de ano en concellos da Rede de Dinamización Lingüística
Xov, 27/09/2018 - 12:59

O concello coruñés de Lousame acolle estes días a mostra María Victoria Moreno: paisaxes e personaxes, que visitaron hoxe á mañá na Casa da Cultura o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais a alcaldesa, Teresa Villaverde. O proxecto expositivo itinerante co que a Xunta de Galicia lle rende tributo á autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018 proseguirá, desde a semana que vén e ata finais de ano, o seu paso por outros cinco concellos da Rede de Dinamización Lingüística (Ordes, Sanxenxo, Vilalba, Ourense e Celanova).

Na súa visita, o titular de Política Lingüística destacou que a exposición “promove e dá a coñecer a figura da autora homenaxeada, unha muller que foi pioneira no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega e que estableceu desde a súa chegada a Galicia como profesora e ata o seu pasamento, un compromiso firme coa lingua propia de Galicia e co seu ensino e divulgación, nomeadamente na infancia e na mocidade”.

A mostra convida a descubrir o universo literario da autora a través de ilustracións dos personaxes principais e dos escenarios de oito dos seus libros, creadas para a ocasión por outros tantos ilustradores e ilustradoras galegos. Coordinada polo humorista gráfico, ilustrador e pintor coruñés David Pintor, tamén participan nela os artistas Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón, responsables da recreación das paisaxes e das personaxes que lle dan título á mostra.

Paisaxes e personaxes para festexar as Letras

A imaxe central da mostra promovida pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, é da autoria de David Pintor e amosa ao longo dos seus paneis un perfecto diálogo gráfico doutros oito ilustradores galegos de prestixio con outras tantas obras de María Victoria Moreno: O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema.

Cada un dos artistas creou nun panel dúas ilustracións alusivas á personaxe principal da historia e mais ao escenario no que se desenvolve a historia e que se completa cun fragmento da obra correspondente. A exposición contén, ademais, tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrece unha escolma de obxectos persoais da escritora, como a súa primeira máquina de escribir, unhas lentes que levou durante anos, o manuscrito da obra O cataventos e diversos libros que lle foron dedicados á autora por escritoras e escritores amigos seus, como Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Fiz Vergara Vilariño ou Ursula Heinze.

Toda a información no enlace web http://www.lingua.gal/letras-galegas?content=/Portal-Lingua/Contido/recu....