O profesorado implicado no proxecto Abalar poderá recibir formación sobre o uso de encerados dixitais grazas ao convenio asinado entre a Consellería de Educación e Smart Technologies

Ao abeiro do acordo establecerase un plan de formación de 18 formadores certificados que prepararán despois ao profesorado que o desexe

Ven, 20/05/2011 - 12:30

Xesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria (I)

Xesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria (II)

Sinatura do convenio entre a Consellería de Educación e Smart Technologi
Sinatura do convenio entre a Consellería de Educación e Smart Technologi

O profesorado galego implicado no proxecto ABALAR terá a oportunidade de formarse no uso dos encerados dixitais grazas ao convenio asinado entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e SMART Technologies.

O obxecto deste acordo, asinado hoxe polo conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e o vicepresidente da devandita compañía, Patrick Lelorieux, é desenvolver un programa de formación que permitirá mellorar as competencias do profesorado no uso do encerado dixital interactivo e o software de aprendizaxe colaborativa.

Esta iniciativa está enmarcada no Proxecto ABALAR, a estratexia de integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no sistema educativa, da que se beneficiarán o vindeiro curso 31.000 escolares galegos de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º curso da ESO.

Ao acto de sinatura asistiron tamén o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira; o subdirector xeral de Sistemas Informáticos da Consellería, Carlos Vázquez; o managing director de Smart España, Fernando Sanz; e o área manager de Smart Iberia, Rahim Habib.

‘Train the trainer’

Ao abeiro do acordo asinado hoxe SMART Technologies desenvolverá un programa de formación en cooperación cos centros de formación da Consellería, a través do que impartirá a 18 docentes a formación certificada e acreditada ‘Train the trainer’, en materia de encerados interactivos e software de aprendizaxe colaborativa. Estes 18 formadores encargaranse despois de transmitir os coñecementos ao profesorado implicado no Proxecto ABALAR, a través dun plan para a xestión do programa, que contempla o seguimento da aprendizaxe e recursos para os docentes, que desenvolverán en cooperación SMART e a Consellería. Neste sentido SMART Technologies dotará tamén aos centros de formación do profesorado de 21 encerados dixitais para facilitar o desenvolvemento do programa formativo.

Ademais, a compañía tecnolóxica impulsará a posta en marcha de concursos sobre creación de contidos dixitais con participación de centros educativos galegos.

Pola súa banda, a Consellería colaborará con SMART no desenvolvemento e seguimento do plan de formación, así como na xeración de contidos dixitais para a súa posta ea disposición do profesorado galego.

A colaboración entre a Consellería e SMART Technologies supón así un novo avance na modernización e na implantación das TIC nos centros educativos galegos.