Educación impulsa un proxecto para coñecer os perfís profesionais do futuro e adaptar as titulacións universitarias

O conselleiro participou na presentación do proxecto, que ten como obxectivo determinar que profesionais vai precisar Galicia na década 2020/30 e detectar os sectores de tracción do emprego e a economía

Mér, 04/07/2018 - 12:55
Educación impulsa un proxecto para coñecer os perfís profesionais do futuro e adaptar as titulacións universitarias

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá o proxecto de elaboración do proxecto Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulación e especialidades universitarias, co que o departamento que dirixe quere determinar que profesionais e que sectores van ser tracción de economía e emprego na década 2020/30 na nosa Comunidade. O documento, que será elaborado pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) por encarga da Consellería, incluirá tanto un catálogo de profesións di futuro como unha proposta de novas titulacións e especialidade para o Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Román Rodríguez fixo fincapé na necesidade de adiantarse, mediante este proxecto prospectivo, ás necesidades do tecido socioeconómico, co fin de acadar o maior grao posible de transferencia de coñecemento entre as universidades e o resto da sociedade, de tal forma que o SUG funcione como motor de desenvolvemento de Galicia. Neste sentido o conselleiro lembrou que esta medida se enmarca no Plan para a excelencia do Sistema Universitario de Galicia, con accións ata 2020, que permitirá dar un novo salto de calidade ás universidades galegas e seguir trazando o camiño de futuro destas institucións académicas cunha folla de ruta clara, consensuadas cos axentes implicados e estable.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo, ademais, poñer en valor o camiño percorrido ata o momento, en base ao diálogo coas propias universidades, que permitiu que hoxe o SUG conte cun financiamento estable –este ano o máis alto da historia en transferencias directas–, sexa pioneiro na estratexia de especialización de campus e conte cun modelo de investigación de vangarda no que se levan investidos máis de 500 millóns de euros.

Acción de futuro

O conselleiro sinalou o proxecto de perfís profesionais como unha medida que mira claramente cara ao futuro, analizando as principais tendencias tecnolóxicas, medioambientais, económicas, políticas e sociodemográficas, así como a fortaleza dos sectores económicos e as condicións que poden converter nuns anos a outros en sectores punteiros.

O proxecto desenvolverase en dúas fases. A primeira delas consistirá na elaboración dun Catálogo de profesións de futuro, cunha ficha para a definición de cada perfil profesional. Para iso, identificaranse as macrotendencias globais e os sectores estratéxicos e identificaranse cales son os que teñen maior capacidade na actualidade e no futuro inmediato de tracción da economía e o emprego en Galicia. En base a esa información, identificaranse as ocupacións futuras en cada sector para a definición final do catálogo.

Na segunda fase realizarase unha análise das titulacións universitarias que se están impartindo a nivel internacional e outro da oferta de titulacións e especialidades do SUG. Esta información contrastarase co Catálogo de perfís profesionais para a confección dunha proposta de novas titulacións. Neste sentido cómpre lembrar que, a partir do 2021, no SUG poderanse introducir novos títulos de grao a maiores dos 14 incluídos na mellora do mapa actual. Polo tanto, o obxectivo é ter, antes de 2020, unha proposta de novas titulacións e especialidades:

Durante todo o proceso a información contrastarase con expertos en diversas sesións de focus group

Xornada

O proxecto presentouse no marco dunha xornada desenvolvida no Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura, na que tamén se celebrou unha mesa redonda sobre o emprego universitario do futuro, coa participación de representantes do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), de Televes, de ANFACO-CECOPESCA, da Universidade da Coruña e de ABANCA. Así mesmo, a fundadora e directora xeral do Observatorio de Innovación no Emprego (OIE), Margarita Álvarez Pérez de Zabalza, ofreceu un relatorio sobre a materia.

Na xornada, ademais do conselleiro, tomaron parte o director xeral de FEUGA, Francisco Javier Pereiro Pérez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e representantes das tres universidades do SUG.