Xesús Vázquez Abad asiste aos VIII Encontros de Educación Infantil celebrado no palacio de congresos de Santiago

O conselleiro de Educación deu a benvida aos máis de cincocentos docentes que se reúnen hoxe e mañá na cidade compostelán

Ven, 06/05/2011 - 17:30
Xesús Vázquez na inauguración dos Encontros de Educación Infantil
Xesús Vázquez na inauguración dos Encontros de Educación Infantil

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe os VIII encontros de Educación Infantil aos que nesta edición asisten máis de cincocentos docentes. Unha actividade que se desenvolverá na xornada de hoxe e de mañá, no palacio de congresos de Santiago, e que pretende ser un espazo para o intercambio de experiencias co fin de promover a actualización científica e didáctica do profesorado, ao tempo que se dan a coñecer as principais liñas do Plan de Formación.

Durante a súa intervención o conselleiro destacou que “Estas xornadas promoven a actualización científica e didáctica do profesorado, dos docentes de Educación Infantil, que están entre os máis implicados e abertos á innovación”. Ao tempo que recordou que os estudantes dos asistentes ao congreso teñen entre tres e seis anos e que “a esa idade, absorben como  esponxas cada coñecemento que se pon no seu camiño. Todo é novo, todo é supón un estimulante reto, interesante na medida en que todo sexa tamén un xogo. É por iso polo que a vosa tarefa é, a un tempo, difícil e inspiradora. Porque o que agora lles ensinedes sentará as bases do que serán e farán mañá. Pero, como ben sabedes, só poderedes aprenderllo se conseguides captar e manter a súa atención, sempre tan variable e fuxidía”.

Respecto dos temas a tratar nestas xornadas días Vázquez Abad engadiu que “trátanse temas moi ambiciosos, abordáranse desde todos os ángulos posibles, para extraerlles o maior proveito, o que vai redundar en beneficio dos que máis importan: as nosas nenas e nenos”.

O desenvolvemento do encontro

A temática deste edición xirará en trono ao achegamento á lingua escrita na etapa de Educación Infantil, a arte na escola infantil, e as propostas metodolóxicas. Todo isto dentro dun formato no que se combinan as conferencias con posteriores mesas de debate onde se farán visibles as prácticas educativas.

Ao longo destes dous días haberá encontros e relatorios en torno a lectura e escritura na Educación Infantil, ou o arte comunitario nesta etapa, así como o diálogo entre as artes e a filosofía na escola infantil.

Cómpre destacar que na xornada de mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentará en formato audiovisual os seguintes contos: “Os sete cabritos”, “Fiz o coleccionista de medos” e “ A pota que trota”, editados pola Consellería de Educación para os centros educativos galegos que imparten o segundo ciclo de Educación Infantil. Cada unha das curtametraxes estará acompañada por unha proposta didáctica.