Román Rodríguez loa a Feira da Educación de Ribeira como escaparate das boas prácticas dos centros escolares
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a 5º edición da Feira da Educación de Ribeira, que cualificou como un exemplo de boas prácticas para dar a coñecer o traballo de calidade que se realiza desde os centros escolares do concello.
En palabras do conselleiro, este certame “é un bo exemplo da valorización pública dos avances educativos” a través das distintas iniciativas que se desenvolven tanto nos centros escolares coma por parte de outras entidades e institucións de forte arraigo en Ribeira.
Nesta mostra, que permanecerá aberta ata o vindeiro domingo, participan arredor de 4.000 estudantes en máis de 60 iniciativas como visitas guiadas a museos, obras de teatro, contacontos, obradoiros, presentacións literarias, campañas de dinamización da lectura e actuacións musicais, entre outros.
Román Rodríguez expresou o seu agradecemento por esta iniciativa de carácter municipal e lembrou a importancia deste tipo de encontros que permiten visibilizar a actividade creativa e innovadora que se leva a cabo nos centros escolares.
A este respecto lembrou que a Consellería de Educación ten en marcha unha serie de iniciativas neste sentido como a STEMlab Galicia, a maior feira educativa STEM que se vai celebrar por primeira vez este venres na Cidade da Cultura, en Santiago, e que contará coa presenza do astronauta Pedro Duque; ou o próximo Congreso FP Innova, onde Ribeira estará representado polo CIFP Coroso.