Convocado o Premio Proxecta 2018, que recoñece o traballo dos centros educativos galegos no eido da innovación

Nesta terceira edición poderán participar os 515 colexios e institutos que no presente curso forman parte do Plan Proxecta

Os galardóns, divididos en dúas categorías, oscilarán entre os 6000 euros do primeiro premio e os 2000 dos dous terceiros

Sáb, 24/03/2018 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar, por terceira vez, o Premio Proxecta de Innovación Educativa 2018 co fin de consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes neste programa.

Os interesados en participar terán un prazo dun mes desde a publicación da convocatoria no portal educativo para presentar a súa solicitude. En todo caso, os detalles e requirimentos da convocatoria, publicada na web desta consellería, poden consultarse no seguinte enderezo web: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/24545  

Catro premios para cada categoría

En concreto, este galardón vai destinado aos 515 centros educativos públicos admitidos no Plan Proxecta do curso actual; e establécense dúas categorías en función do tipo de centro. Así, na categoría A están incluídas as escolas de educación infantil (EEI), colexios rurais agrupados (CRA), centros de educación especial (CEE), colexios de educación infantil e primaria (CEIP), colexios de educación primaria (CEP). Pola súa banda, os centros públicos integrados (CPI), institutos de educación secundaria (IES), centros integrados de formación profesional (CIFP) e centros públicos de educación e promoción de adultos, formarán parte da categoría B do galardón

Para ámbalas dúas categorías establécense catro premios -un primeiro, un segundo e dous terceiros-, aínda que tamén se poderán conceder accésits a aqueles centros que presenten unha práctica educativa digna de mención. O primeiro premio terá unha dotación económica de 6.000 euros, o segundo será de 4000 e os dous terceiros, de 2000 euros cada un. Polo tanto, a Consellería destina a esta iniciativa un total de 28.000 euros.

Colaboración co resto das Consellerías

O Plan Proxecta -que este curso chega a 515 centros sostidos con fondos públicos e preto de 123.000 alumnas e alumnos– crea un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías, integrando nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos innovadores que desenvolvan competencias clave e educación en valores.

Trátase de propiciar dinámicas que favorezan a innovación nos propios centros a través de 45 programas externos que aglutinan á maioría de entidades do Goberno galego e unha entidade do Goberno do Estado, con programas dirixidos ao ámbito educativo que buscan potenciar a motivación e o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos.

Os diferentes programas poden consultarse no espazo do Plan Proxecta no portal educativo http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta/programas .

Catro novos programas

Como novidade neste curso 2017/18, cómpre lembrar que catro son completamente novos: Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional; Campaña Mundial pola Educación, Apuntámonos a non beber e Liga de debate forestal. Outros cinco reformúlanse para mellorar a súa proposta: Aliméntate ben, Por 365 días de respecto e igualdade, Donas de si, Educación patrimonial e Formando creador@s.

Trátase, a través do Plan Proxecta, de buscar un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado.

Para iso, un dos principais obxectivos deste Plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.