Título node Learning object

A atención educativa hospitalaria e domiciliaria en Galicia
Mar, 26/04/2011 - 13:51

Sensibilidade é a capacidade que temos os seres humanos para percibirmos e comprendermos o estado de ánimo, o xeito de ser e de comportarse das persoas, así como a natureza das circunstancias e dos ambientes, para actuar correctamente en beneficio dos demais. Sensibilidade é, pois, a primeira calidade que debe posuir o persoal, docente e sanitario, que comparte a dura experiencia da enfermidade dun neno ou nena con este e coa súa familia.
Esta calidade permitiralle ao dito persoal comprender a angustia e a inseguridade que provocan a miúdo nos pequenos e pequenas a doenza e máis a hospitalización; facilitaralle o ser paciente coa desmotivación que acompaña o aburrimento dunha longa convalecencia; levarao a ser flexible para adecuarse ás necesidades e aos ritmos de cada criatura, así como a priorizar a comunicación do alumnado enfermo con outros nenos e nenas; axudarao a valorar o papel das familias e a orientalas para que todos os esforzos a prol do fillo ou filla enfermos converxan nunha soa dirección.