Os contratos-programa de Educación beneficiarán este curso a 140.000 alumnos, un 34% máis que o ano pasado

Un total de 473 centros docentes públicos desenvolverán estas iniciativas

As actuacións de mellora das competencias clave, o programa de Reforzo, orientación e apoio fóra do horario lectivo, e a mellora da convivencia nos centros son as liñas máis demandadas

Esta iniciativa é un instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan aplicar un plan de mellora específica en función das necesidades detectadas entre o seu alumnado

O investimento para o curso 2017/18 é de case 4,3 millóns de euros , un 30 % máis ca no curso anterior, o que permitirá a contratación de 233 docentes de apoio adicionais, 53 máis que o ano pasado

Lun, 29/01/2018 - 17:35
Os contratos-programa de Educación beneficiarán este curso a 140.000 alumnos, un 34% máis que o ano pasado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución definitiva dos contratos-programa para o curso 2017/18, que teñen como obxectivo promover a excelencia educativa e loitar contra o abandono escolar. Os detalles poden consultarse no seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/24131.

Neste curso beneficiaranse desta iniciativa un total de 139.999 alumnos (o que representa un incremento do 34% con respecto ao ano curso pasado) de 473 centros escolares (un 14% máis que o exercicio anterior), que desenvolverán un total de 1251 iniciativas diferentes das nove liñas establecidas. Por provincias, os centros participantes serán 159 da Coruña, 57 de Lugo, 45 de Ourense e 212 de Pontevedra.

Docentes externos de apoio adicionais

A Consellería destina a estes contratos-programa un total de 4.259.840 € euros, o que permite a contratación de 233 docentes externos de apoio adicionais (53 máis que o ano pasado) –para o desenvolvemento das liñas 1 (de Reforzo, orientación e apoio, coñecida como ‘PROA’) e 7 (Reforzo das competencias clave en 3º e 4º de ESO e FP Básica).

Contando estes profesores de apoio adicionais e os implicados nos propios centros, neste curso participarán nos contratos-programa un total de 11.712 docentes, un 40% máis ca no 2016/17.

Liñas de actuación

A liña máis solicitada para este curso correspóndese coa actuación número 2 (de mellora das competencias clave en matemáticas, ademais de en comunicación lingüística e básica en ciencia e tecnoloxía) e á cal se adscriben un total de 386 centros educativos, un 27% máis que o curso pasado.

A segunda máis solicitada é a actuación nº 1, para o reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe (antigo programa PROA). Un total de 338 centros docentes desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 210 mestres de apoio contratados adicionalmente pola Consellería para tal fin.

A liña  número 3, de mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, foi solicitada por un total de 230 centros escolares, que desenvolverán accións que interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa. Esta liña experimentou un crecemento do 39% en canto á demanda en comparación co pasado curso

Séguelle por importancia de demanda a actuación número 5, referida á mellora do nivel de coñecemento para acadar a excelencia, que abrangue a atención á diversidade, e que foi solicitada por 169 centros escolares de toda Galicia (cun 43% de incremento).

Nas liñas 6 e 7, dirixidas á mellora á mellora da calidade na xestión dos centros e o reforzo de competencias clave nos dous últimos cursos de ESO e en FP Básica (esta última novidosa por primeira vez este ano), participarán 53 e 44 centros docentes públicos, respectivamente. Finalmente, outros 31 centros (un 35% máis ca o ano pasado) participarán na liña 4, de prevención do abandono temperán e do absentismo escolar.

Instrumento de apoio aos centros

Os contratos programa arrancaron hai seis anos como instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan levar a cabo un plan de mellora específico en función das necesidades detectadas entre o seu alumnado. Na convocatoria deste ano incorporouse unha nova liña de actuación (a sétima) exclusiva para o alumnado de 3º e 4º de ESO e de FP Básica que presenta baixos resultados académicos co fin de reforzar, preferentemente, as competencias matemática, lingüística e en ciencia e tecnoloxía.

A súa finalidade última é acadar unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro docente analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento, ‘o contrato-programa’, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.

Polo tanto, a iniciativa permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento, tanto do centro como da Administración educativa, para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.