Román Rodríguez acompaña ao secretario de Estado de educación na visita ao CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso

Este é un dos 14 centros de Ourense que por primeira vez este ano estenderon o plurilingüismo á etapa de infantil e incorporaron a Robótica ao seu plan de centro

Ven, 26/01/2018 - 11:23
Román Rodríguez acompaña ao secretario de Estado de educación na visita ao CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou esta mañá ao secretario de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades, Marcial Marín, na visita ao CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso, en Ourense, onde tamén estiveron acompañados do director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; e do alcalde da cidade, Jesús Vázquez.

Desde que botou a andar no ano 2010 nunha zona de expansión demográfica en Ourense, este centro foi incorporando unha serie de programas que contribúen a reforzar calidade educativa que se ofrece aos seus máis de 400 alumnos.

Precisamente, no marco da Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, posta en marcha pola Consellería de Educación, este CEIP é un dos 14 centros de Ourense que este ano  estenderon por primeira vez o plurilingüismo á etapa de educación infantil (desde o ano 2013, o era na etapa de primaria), e conta cun auxiliar de conversa en inglés. Ademais de estar incorporado á rede Abalar (con aulas dixitalizadas), tamén integra a Robótica no seu plan de centro, ao abeiro da iniciativa da Consellería que ten por obxectivo favorecer a iniciación do alumnado, xa desde idades temperáns, na experiencia de programación básica, robótica e construción.

No marco dos contratos-programa, o Rodríguez Barroso desenvolve o proxecto PROA (de Reforzo, Orientación e Apoio) con acompañamento escolar fóra do horario lectivo a aqueles alumnos que precisen reforzar determinadas competencias; así como outro proxecto específico para a mellora da convivencia e a promoción da igualdade. O secretario de Estado de Educación puido coñecer de primeira man algunhas das iniciativas que -apoiadas pola Consellería- se están a desenvolver, e que abranguen traballos concretos para tratar e previr conflitos, dinamización dos recreos e tempos de ocio, promoción da participación de todo o alumnado e especialmente dos colectivos máis vulnerables, e fomentar valores, actitudes e prácticas que permitan avanzar na integración e o respecto á diversidade.

Cómpre destacar que na posta en marcha de todas estas iniciativas xoga un papel fundamental o equipo docente do centro que, á súa vez, participa no Plan de formación permanente do profesorado en dous ámbitos como son a metodoloxía para o traballo das competencias clave e a integración didáctica das TIC mediante traballo colaborativo en rede.