Vinte e dous centros educativos galegos participarán no proxecto Observa_Acción

Trátase dun programa de observación de metodoloxías e enfoques didácticos para fomentar a reflexión e o intercambio de boas prácticas entre CCAA e proxectos internacionais

Ven, 03/11/2017 - 13:30
Vinte e dous centros educativos galegos participarán no proxecto Observa_Acción

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe a resolución da convocatoria do programa de innovación educativa Observa_Acción: Innovación docente desde a observación, a avaliación e o intercambio entre iguais. Este é o segundo ano que se desenvolve esta iniciativa na que, en versión de pilotaxe, participaron cinco centros educativos, que realizaron ou programa de observación e mentorado entre pares cun intercambio educativo final. O programa desenvolverase ao longo dos cursos 2017/18 e 2018/19.

Os participantes son centros que imparten ensinanzas de primaria ou secundaria e que funcionarán en asociacións de centros. A participación realizarase arredor das tres modalidade dispoñibles: Innova_Acción, para propostas didácticas, metodolóxicas e de avaliación innovadoras; Comunica_Acción, de reforzo da competencias comunicativa e o plurilingüismo; e Dixitaliza_Acción, para realizar propostas didácticas, metodolóxicas e de avaliación sobre competencia dixital e STEM.

Así, na primeira das modalidades (Innova_Acción) participarán os CEIPs de Viñagrande – Deiro (Vilanova de Arousa), Heroínas de Sálvora (Ribeira), de Sigüeiro (Oroso), Plurilingüe San Benito de Lérez (Pontevedra) e Plurilingüe O Ramo (Fene), o Colexio Rural Agrupado Ponte da Pedra (Carballo) e os IES A Cachada (Boiro), Carlos Casares (Vigo), A Pinguela (Monforte de Lemos), Nº 1 de Ribeira (Ribeira) e de Sanxenxo (Sanxenxo).

Na segunda modalidade (Comunica_Acción) os centros seleccionados foron os CEIPs Plurilingüe de Meaño As Covas (Meaño), A Rúa (Cangas), Plurilingüe de Melide Nº1 (Melide) e os IES Pino Manso (O Porriño) e de Meaño (Meaño); mentres que na terceira (Dixitaliza_Acción) traballarán o CEIP Plurilingüe Santa Rita (Viveiro), os CPIs Santa Lucía (Moraña), As Mirandas (Ares), Dr. López Suárez (O Saviñao), e os IES da Pobra do Caramiñal (A Pobra do Caramiñal) e Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela).

Intercambio e reflexión

O programa ten entre os seus obxectivos experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa entre os docentes e os centros educativos de Galicia, así como con outros centros doutras Comunidades Autónomas e doutros países socios en proxectos internacionais. Para iso, facilítase que os docentes e os membros dos equipos directivos poidan observar de forma directa outras metodoloxías e enfoques didácticos nos procesos de ensino-aprendizaxe dos alumnos, outras formas de relación e comunicación e outras vías de xestión dos recursos propios e alleos aos centros; fomentando o traballo en equipo, a observación activa da práctica docente, o intercambio de boas prácticas, a reflexión, a formación metodolóxica sobre aspectos innovadores nos procesos organizativos e didácticos e a realización de proxectos de forma conxunta, tanto entre profesorado como entre centros educativos.

Ao abeiro desta intercomunicación, poderase deseñar e aplicar protocolos de observación de praxe docente e potenciar acción metodolóxicas innovadoras para a mellora dos procesos de aprendizaxe dos alumnos, así como tecer redes de intercambio entre docentes, equipos directivos e centros que fomenten o apoio mutuo e a cooperación permanente. Asemade, a posibilidade de contactar con centros de outros países e CCAA abre a porta mesmo a proxectos transfronteirizos neste sentido.