Vinte centros educativos crearán un laboratorio de radio na biblioteca escolar

‘Radio na biblio’, nova iniciativa da Consellería de Cultura e Educación, ten como obxectivo reforzar as competencias en información e medios

Terán prioridade de participación os centros que se atopan no ámbito do rural

Ven, 20/10/2017 - 10:46

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar a iniciativa Radio na biblio, un proxecto piloto a través do que 20 centros educativos de educación infantil, primaria e secundaria porán en marcha nas súas respectivas bibliotecas escolares un laboratorio de radio. O departamento educativo da Xunta de Galicia destina a esta convocatoria, que se pode consultar no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23416 , unha partida de 40.000 euros.

O obxectivo deste programa é que o alumnado avance na adquisición das competencias informacionais e mediáticas, imprescindibles na sociedade actual. Así mesmo, procúrase estimular o papel das bibliotecas escolares como “centros creativos de aprendizaxes”, tal e como establece o Plan Lía 2016/20.

Asemade, búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo da comunidade educativa. Neste sentido cómpre sinalar que a posta en marcha de iniciativas de radio en centros educativos ten demostrado ser unha boa ferramenta para xerar dinámicas de comunicación, de apoio aos proxectos do centro, dos traballos elaborados polos alumnos, etc.

Poderán participar neste proxecto bibliotecas de centros públicos non universitarios integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) neste curso 2017/18 que matriculen alumnado de ensino infantil, primaria e secundaria. O laboratorio de radio poderá estar asociado  un programa de voluntariado na biblioteca.

Os interesados en participar nesta iniciativa deberán presentar a súa solicitude mediante un formulario aloxado na páxina de Bibliotecas Escolares (http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/ ), a través da persoa responsable da dirección do centro. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 31 de outubro de 2017.

Para seleccionar os centros a Consellería terá en conta a valoración acadada pola memoria da biblioteca do pasado curso 2016/17 (polo proxecto presentado, no caso dos centros que se incorporaron ao Plambe este curso) e a localización xeográfica dos centros, dando prioridade aos que se  atopan en concellos do ámbito rural.

Alfabetización informacional

Esta iniciativa enmárcase no desafío número catro do Plan LÍA 2016/20, referido ás  alfabetizacións múltiples, con medidas destinadas á mellora das capacidades lectoras do alumnado e no desafío número cinco da mesma estratexia, vencellado ás competencias AIFIN/AMI (alfabetización informacional/alfabetización mediática e informacional). Neste sentido, o Plan contempla como medida concreta a posta en marcha dun programa de radio escolar vinculado a biblioteca para a mellora da competencia informacional e mediática dos escolares.

Ademais, o Plan recolle no seu desafío número dous diferentes medidas para promover a evolución de todas as bibliotecas escolares cara a laboratorios creativos de aprendizaxe, na medida en que estas se configuran como espazos físicos e simbólicos de oportunidade para desenvolver proxectos colaborativos conectados ao tratamento do currículo, así como para dar resposta aos intereses culturais e formativos dos membros da comunidade educativa.

Co fin de dar a coñecer esta experiencia ao conxunto da comunidade educativa galega, os materiais que se elaboren ao abeiro deste proxecto piloto poderán ser difundidos como exemplo de boas prácticas, cando así se considere, a través dos espazos web da consellería vinculados ao Plan LÍA.