Cincuenta e un titulados do Sistema universitario de Galicia acadan os premios fin de carreira
A Consellería de Cultura e Educación destina 222.000 euros a estes galardóns, que recoñecen a excelencia do alumnado que rematou os estudos no curso 2015/16
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe a proposta de resolución dos premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no curso académico 2015/16 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG). O departamento educativo da Xunta de Galicia destina a esta convocatoria un orzamento de 222.000 euros; mentres que cada un dos galardoados recibirá un diploma acreditativo desta distinción e un premio de 3.000 euros, o que supón un incremento de 500 euros na contía do mesmo.
Dos 51 galardoados, 16 correspóndense con estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 21 da Universidade de Vigo (UVigo), e 14 da Universidade da Coruña (UDC). Por xénero, 26 son mulleres e 25 homes. A información ao respecto e os nomes dos galardoados poden consultarse no portal educativo, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23410 .
Con estes premios recoñécese a excelencia dos estudantes do Sistema universitario de Galicia, complementando o apoio que a Consellería de Cultura e Educación presta aos universitarios a través de varias liñas de axudas para que o alumnado acceda e curse estes estudos en igualdade de oportunidades.
Desde a primeira vez que se convocaron os Premios Fin de Carreira, un total de 1.198 titulados do Sistema universitario de Galicia obtiveron este premio.
A convocatoria estaba dirixida ao alumnado que no curso 2015/16 rematara os seus estudos conducentes a unha titulación de grao nas universidades do Sistema Universitario de Galicia. No referido ao expediente académico, esixíase unha puntuación media igual ou superior a 8'5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7'5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.