Arranca en Vilafranca a exposición ‘Antonio Fernández Morales e o galego do Bierzo’

Valentín García participou hoxe na inauguración desta mostra elaborada pola Comisión Cultural Martín Sarmiento en colaboracion coa Secretaría Xeral de Política Lingüística

Tras 10 días no claustro de San Nicolás o Real, a exposición percorrerá os centros educativos que imparten galego no marco do Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e Sanabria dos gobernos de Galicia e de Castela e León

Sáb, 16/09/2017 - 16:00
Arranca en Vilafranca a exposición ‘Antonio Fernández Morales e o galego do Bierzo’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García inaugurou hoxe no claustro de San Nicolás o Real de Vilafranca a exposición ‘Antonio Fernández Morales e o galego do Bierzo’, que se abre no marco do simposio que se está celebrando estes días na propia Vilafranca, en Ponferrada e en Cacabelos con motivo do bicentenario do poeta berciano do Rexurdimento.

García Gómez resaltou a importancia de “dar a coñecer a figura de Fernández Morales entre o conxunto da poboación e, dunha maneira especial, entre as novas xeracións, pois é un referente importante para os galegofalantes castelán-leoneses e para todos aqueles que traballan polo noso idioma máis alá das fronteiras de Galicia”. Neste sentido, o secretario xeral recordou que, tras a súa parada en Vilafranca, a mostra percorrerá os centros educativos que participan no Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria “que, coa incorporación este curso do CRA Cubillos de Sil, son xa vinte”.

A canda o titular de Política Lingüística, interviñeron na inauguración José Manuel Pereira Vega, alcalde de Vilafranca; Gerardo Álvarez Courel, presidente do Consello Comarcal do Bierzo; Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Héctor M. Silveiro, coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento e autor dos textos da mostra; Francisco Macías, produtor da mostra e editor de Edicións Positivas e Manuel González Prieto, coordinador do grupo Médulas en defensa do galego no Bierzo.

Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria

Grazas á colaboración iniciada no ano 2001 entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León, ampliada coa sinatura do Protocolo xeral de colaboración entre os dous gobernos en 2006, actualmente estudan materias de ou en galego preto dun milleiro de alumnos e alumnas no ensino primario ou medio en centros de León e de Zamora no marco do Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e Sanabria.

Tras a recente incorporación do CRA leonés Cubillos de Sil, son xa catorce os colexios de infantil e primaria e cinco os institutos adscritos ao programa, aos que debe sumarse tamén a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

Poeta berciano do Rexurdimento

Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817 – Cacabelos, 1896) foi un militar e poeta berciano en lingua galega. Comezou a escribir neste idioma baixo a influencia do seu amigo o filólogo catalán Mariano Cubí i Soler. En 1861 publicou os “Ensayos poéticos en dialecto berciano”, converténdose así no autor do segundo libro en galego do Rexurdimento, tras Xoán Manuel Pintos con “A gaita gallega” (1853).

Menús News node R