Educación e Cruz Roja Española colaborarán no servizo de transporte escolar adaptado

Román Rodríguez e a presidenta do comité autonómico da entidade renovan a cooperación para facilitar os desprazamentos de 52 alumnos con discapacidade

A Consellería mantén colaboracións con 13 entidades para este fin, do que se benefician preto de 350 estudantes

Asemade, facilítase a prestación do servizo de comedor a 436 alumnos con discapacidade

Mar, 01/08/2017 - 15:15
Educación e Cruz Roja Española colaborarán no servizo de transporte escolar adaptado
Educación e Cruz Roja Española colaborarán no servizo de transporte escolar adaptado

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e a presidenta do comité autonómico de Cruz Roja Española, Mª Carmen Colmeiro, asinaron hoxe unha addenda ao convenio de colaboración que manteñen ambas entidades para facilitar no vindeiro curso 2017/18 o servizo de transporte adaptado a 52 alumnas e alumnos con discapacidades.

Cun investimento superior aos 179.000 euros, a Consellería financia o importe dos desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como a, ou desde, os centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar.

O servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan, e nel prestaranse os pertinentes servizos de acompañamento e atención ao alumnado trasladado.

Ademais, nos vehículos poderán viaxar os 12 coidadores que acompañan a aquelas persoas que precisen atención individualizada, continua e permanente. A Consellería de Educación farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos.

Atención á diversidade

O obxectivo deste acordo é dar resposta ás necesidades de escolares con distintos tipos de discapacidades, que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades física e psíquicas particulares.

Coa sinatura deste convenio, o departamento educativo da Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, para fomentar o seu acceso á escolarización en igualdade de condicións.

Non en balde, tendo en conta este acordo, a Consellería asinará addendas aos convenios de colaboración que mantén con 13 entidades para facilitar o servizo de transporte adaptado a case 350 estudantes con diferentes discapacidades, para o que o departamento educativo da Xunta achega máis de 1 millón de euros. Asemade, a Consellería colabora con asociacións deste tipo para a prestación do servizo de comedor, para o que este ano renovará 11 convenios, o que supón un investimento de máis de 185.000 euros e beneficia a 436 alumnos e alumnas.