Comezan en Santiago os congresos do ‘Atlas Linguarum Europae’ e do ‘Atlas Linguistique Roman’

O secretario xeral de Política Lingüística inaugurou hoxe os dous encontros, que conflúen por mor da coincidencia de investigadores en ambos os dous proxectos

Os dous contan, entroutras, coa colaboración do Centro Ramón Piñeiro e da Consellería de Cultura e Educación

Mar, 20/06/2017 - 13:19

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe á mañá na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dous congresos internacionais de xeografía lingüística: O 50 Congreso do Atlas Linguarum Europae (ALE) e o XXII Congreso do Atlas Linguistique Roman (ALiR).

Valentín García deulles a benvida a Galicia a todos os asistentes e lembrou que a lingüística galega comezou a andar “da man dos estudos históricos e dialectolóxicos que, xunto coa nosa vizosa lírica medieval, atraeron a atención de propios e estraños sobre o noso idioma. A partir de aí, a cantidade, variedade e calidade da investigación sobre a lingua galega non fixo máis que medrar recuperando rapidamente o desfase que tiña a mediados do pasado século”. O secretario xeral sinalou, como proba da súa afirmación, “a existencia do Centro Ramón Piñeiro e do Instituto da Lingua Galega (ILG), a súa participación en proxectos de relevancia internacional como o Atlas Linguarum Europae e o Atlas Linguistique Roman e mais a propia organización deste congreso en Santiago”.

A canda García Gómez, participaron na mesa inaugural Juan Viaño, reitor da USC; María José López Couso, decana da Facultade de Filoloxía da universidade compostelá; Nicolae Saramandu, director do ALE; Michel Contini, director do ALiR e Manuel González, presidente dos comités organizadores.

Dous congresos e tres xornadas de traballo

O profesor, académico da lingua e director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) Manuel González foi o encargado de ditar a conferencia inaugural de ambos os congresos, “Dialectoloxía e xeolingüística en Galicia”. A continuación deron comezo os traballos do ALE, que se prolongarán durante toda a xornada de hoxe e tamén durante a mañá do día 21 na Facultade de Filoloxía da USC e mais no CRPIH. A tarde do 21 e a xornada do 22  desenvolveranse na Facultade de Filoloxía compostelá e estarán dedicadas ao proxecto do ALiR, co fin de rematar a preparación dun novo volume deste atlas románico.

O congreso do Atlas Linguarum Europae conta na súa organización coa colaboración do CRPIH, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; coa do ILG da USC e da Academia Română, Institutul de Lingvistică “Iorgu Riordan - Al. Rosetti”. As dúas primeiras institucións coorganizan, xunto co Comité de direction de l’ Atlas Linguistique Roman, o XXII Congreso do ALiR. As organizacións de ambos os encontros de investigación consideraron operativo facelos coincidir porque case a totalidade do Comité Románico do ALE forma parte do equipo investigador do ALiR.

Atlas Linguarum Europae e Atlas Linguistique Roman

O Atlas Linguarum Europae botou a andar en 1970 co apoio da UNESCO e representa o proxecto investigador de maior alcance no dominio da lingüística en marcha neste momento. Ocúpase de 6 familias de linguas -altaica, vasca, indoeuropea, caucásica, semítica e urálica- divididas en 22 grupos lingüísticos (como o románico, o xermánico ou o céltico) e estes, á súa vez, en 90 linguas e dialectos. Hai publicados seis volumes do ALE e outros dous están en preparación. Todos se centran no léxico, aínda que deles se poden extraer tamén informacións fonéticas e morfolóxicas.

O Atlas Linguistique Roman botou a andar en 1987 a iniciativa do Centre de Dialectologie de Grenoble e ata o momento leva publicados dous volumes. O obxectivo do proxecto é crear un atlas interpretativo que abranga todas as variedades dialectais da Europa románica (a investigación recolle 1037 puntos xeográficos) baixo diferentes aspectos: lexical, fonético, fonolóxico e morfosintáctico.

Menús News node R