Educación convoca por segundo ano os ‘Club de ciencia’ para estimular o espírito científico do alumnado

A Consellería busca estender este programa de innovación educativa a 30 centros públicos, que recibirán unha achega de 1.200 euros para desenvolver o proxecto

O obxectivo da iniciativa, que se enmarca na futura Estratexia galega para a educación dixital 2020, é fomentar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre o estudantando galego

Mér, 14/06/2017 - 12:58

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar, por segundo ano consecutivo e á vista do éxito da primeira edición, unha nova convocatoria para poñer en marcha os ‘Club de ciencia’ nos centros docentes públicos que impartan ensinanzas de educación primaria, secundaria obrigatoria ou bacharelato durante o vindeiro curso 2017/18.

O departamento educativo da Xunta de Galicia busca estender este programa de innovación a un total de 30 centros. Cada un deles recibirá unha achega económica de 1.200 euros para poder desenvolver o seu proxecto. Cómpre ter en conta que no curso actual foron dez os centros que puxeron en marcha a experiencia piloto: o IES Urbano Lugrís de Malpica de Bergantiños, o CPI de Atios en Valdoviño, o IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago, o IES de Ponteceso, o IES David Buján de Cambre, o CPI Poeta Uxío Novoneira de Folgoso do Caurel, o CEIP Illa Verde de Lugo, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, o CPI de Mosteiro-Meis de Meis, e o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis.

O obxectivo desta iniciativa pasa por fomentar o espírito científico e a curiosidade do alumnado, o que favorece, en consecuencia, o traballo das áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), unha das prioridades da Consellería de cara aos próximos anos.

A convocatoria, que pode consultarse na web da Consellería a través do seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/22454 , terá o prazo de solicitudes aberto ata o 29 de setembro.

Aprendizaxe mediante indagación e resolución de problemas

O ‘Club de ciencia’ defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación, onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas aos alumnos e alumnas co obxecto de que estes podan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses, así como resolver problemas. Neste sentido, a creación deste espazo no centro pode converterse nun escenario propicio para desenvolver estratexias metodolóxicas que promovan capacidades, coñecementos e técnicas que aumenten o interese dos participantes por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.

O proxecto ten que desenvolverse fóra do horario lectivo e nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente. Este horario deberá cumprir, como mínimo, unha media de catro horas ao mes, comezando a partir da concesión definitiva do proxecto, ata final do período lectivo do alumnado durante o curso 2017/18.

Estratexia galega de educación dixital 
 

Este programa enmárcase na futura Estratexia galega de educación dixital 2020, que ten como prioridade incrementar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre o estudantado galego (STEM), ao tempo de dotalos dos recursos e ferramentas necesarias para o uso seguro da tecnoloxía.

Neste contexto, cómpre lembrar que este mesmo luns, a Consellería publicou unha nova convocatoria para introducir, o vindeiro curso, a robótica en ata 120 centros de primaria, que terán á súa disposición kits de robots e de construción para desenvolver o seu proxecto.

Así mesmo, e desde o 2015/16 xa están en marcha as materias de libre configuración autonómica de Programación en 1º e 2º da ESO, e de Robótica en Bacharelato. A impartición destas materias en secundaria leva aparellada a dotación de equipamento específico, como son os novos kits de robótica educativa, placas de comunicación e impresoras 3D, cos que a Consellería está fornecendo á maioría dos IES de Galicia.

Ademais, a Consellería tamén dispón dun plan de formación específico en Robótica, Programación e Impresión 3D dirixido ao profesorado vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste xeito, reforzar os seus coñecementos nesta materia.