A Xunta destina case 553.000 euros ás axudas ás ANPAs que xestionan comedores escolares

Educación vén de convocar esta liña de subvencións no Diario Oficial de Galicia

O Goberno galego aporta ata un máximo do 50 por cento do custo deste servizo en cada centro correspondente

Sáb, 10/06/2017 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará un total de 552.998 euros ás axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado de centros públicos no presente curso. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria desta liña de subvencións. Os detalles poden consultarse no enlace web https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170609/AnuncioG0164-300517-0007_gl.html .

Coa axuda da Consellería poderá financiarse ata un máximo do 50% do custo do servizo, podendo ser empregada para sufragar o custo do menú, a vixilancia e o coidado do alumnado, o desenvolvemento dos programas complementarios de promoción da saúde e das habilidades persoais, os gastos orixinados pola contratación de persoal que desenvolva o labor de atención ao alumnado con necesidades específicas, ou os gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.

Grazas a esta mesma convocatoria, no curso pasado beneficiáronse das axudas da Xunta un total de 95 ANPAs (todas as que cumprían os requisitos), o que supuxo atender o 95 por cento% das solicitudes presentadas.

Presentación de solicitudes

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor nas instalacións dos centros escolares correspondentes. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento común administrativo das administracións públicas, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderanse empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.