O conselleiro de Educación asiste ao acto de apertura da I Xornada de Formación sobre a Atención ao Alumnado con Altas Capacidades

Vázquez Abad destacou o traballo de docentes e orientadores na atención á diversidade do alumnado galego

Sáb, 02/04/2011 - 10:32
Xesús Vázquez Abad asistiu ao acto de apertura da xornada
Xesús Vázquez Abad asistiu ao acto de apertura da xornada

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe o traballo de docentes e orientadores na atención á diversidade do alumnado galego, e lembrou que a Consellería traballa para “poñer os recursos necesarios para que todo o alumnado, independentemente das súas potencialidades e das súas necesidades educativas, reciba as atencións necesarias”.

No acto de apertura na I Xornada de Formación sobre a Atención ao Alumnado con Altas Capacidades, que se celebra hoxe na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, e na que participan 190 docentes e orientadores, o conselleiro recordou “a dificultade de cuantificar ao alumnado con altas capacidades” - estímase que entre un 4 e un 5% da poboación podería telas-. Por iso insistiu na necesidade de manter o sistema educativo "nunha evolución permanente, nunha reflexión orientada a que todo o alumnado acade un adecuado desenvolvemento persoal, social e profesional”.

Nesta tarefa, engadiu, ademais dos docentes e orientadores “é precisa a implicación activa das familias”, que están cada vez máis comprometidas co labor educativo, e que son para estes estudantes “un apoio imprescindible”.

Doutra banda, o conselleiro fixo fincapé nas ferramentas coas que conta o sistema educativo galego para desenvolver esta tarefa. “Contamos cunha moi potente rede de orientación, cun considerable número de profesorado de apoio, e cun profesorado disposto a innovar e a promover o éxito escolar”, dixo. Ao mesmo tempo Vázquez Abad animou aos profesionais do ensino a “abrir as aulas, establecer redes, espazos de comunicación e conexión, compartindo experiencias, establecendo retos, buscando respostas, e contando coas familias”.

Experiencias de centro

A xornada de formación conta coa participación de reputados expertos, así como de membros de colexios e institutos galegos que presentan aos asistentes as súas experiencias de centro na atención ao alumnado con altas capacidades.

Tras o acto de apertura, o coordinador do Equipo de Orientación Específico de Pontevedra, Eladio Ferro, abordou os xeitos de identificar a estes estudantes no relatorio ‘As cores da diversidade. Identificación de altas capacidades’. Pola súa parte Mª Francisca Roger Cruz, especialista neste eido da administración educativa de Canarias, presentou na súa conferencia os programas de atención educativa que se están a desenvolver nas illas.

A sesión da tarde foi a quenda para as experiencias dos centros, nomeadamente do CEIP Pintor Laxeiro (Vigo), coa intervención da mestra de Educación Primaria Mª del Mar Álvarez Silva, e do IES O Couto (Ourense), representado pola orientadora Purificación Losada Fuente e pola especialista en Pedagoxía Terapéutica Pilar Ferreira Rivera.

A xornada pecharase co relatorio ‘Educación e talento investigador. Reflexións sobre o sistema educativo’, impartido polo catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela e director da Fundación Pública galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo Álvarez.