O CIFP Carlos Oroza amosa aos medios especializados o seu traballo na FP da hostalaría

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, José Manuel Pinal, participou neste encontro dirixido a blogueiros e publicacións sectoriais do ámbito gastronómico e hostaleiro

Esta é a terceira xornada que baixo o lema “Formados e Profesionais” se desenvolve nos oito centros que integran a Rede Galega de FP de Hostalaría

A actividade abrangue simulacións de check-in nun hotel, clases maxistrais de cociña, taller de pastelería, preparación e degustación de aperitivos e xantar para os invitados

Xov, 18/05/2017 - 15:49
O CIFP Carlos Oroza amosa aos medios especializados o seu traballo na FP da hostalaría

O CIFP Carlos Oroza acolleu hoxe a terceira das xornadas ‘Formados e Profesionais. FP Hostalería”, unha acción apoiada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa que busca poñer en valor e dar a coñecer o traballo formativo que se leva a cabo nos oito centros que integran á Rede Galega de FP de Hostalaría.

Logo dos encontros realizados no IES Vilamarín (en Ourense) e no IES Paseo das Pontes (A Coruña), agora son os alumnos e os profesores do CIFP Carlos Oroza quen, a través dunha xornada de portas abertas dirixida a blogueiros e publicacións especializada, fan unha demostración dos coñecementos que adquiren no eido destas ensinanzas.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería, José Manuel Pinal, participou hoxe nesta xornada cuxo principal obxectivo é aproveitar as novas canles informativas como a internet e os blogs especializados para amosar e divulgar o nivel de calidade e a esixencia formativa que hai detrás das ensinanzas de Formación Profesional da familia da Hostalaría e Turismo, con centros que son referentes a nivel internacional.

Ao longo de toda a mañá, os alumnos e os profesores do centro amosaron aos seus invitados o traballo no día a día, con actividades concretas como a simulación dun check-in no hotel Carlos Oroza, ou asistir a unha clase maxistral de cociña na aula de I+D do centro dirixida por Javier Alonso Garrido, ex alumno deste centro e xefe de cociña do Eirao da Leña.

Así mesmo, no taller de Pastalería do centro tivo lugar unha masterclass de elaboracións con chocolate a cargo do profesor Manuel Patiño; e na aula taller de cafatería puido degustarse unha degustación de vermú e aperitivo a cargo do alumnado do ciclo de Servizos baixo a dirección do profesor Diego Mosquera. Pola súa banda, os alumnos do ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turística presentaron un proxecto de interpretación de recursos turísticos de Galicia adaptada á diversidade funcional visual.

O colofón desta xornada púxoo o xantar-degustación elaborado e servido polos estudantes dos ciclos medios de Cociña e Gastronomía e de Servizos en Restauración.

Os centros da Rede

Esta iniciativa que hoxe tivo lugar no CIFP Carlos Oroza, xa tivo lugar tamén no IES Vilamarín e no CIFP Paseo das Pontes (A Coruña). De aquí a finais de curso continuará desenvolvéndose de xeito secuencial ata finais de curso nos outros cinco centros da Rede: Os CIFPs Compostela (Santiago) e Manuel Antonio (Vigo); e os IES Fraga do Eume (Pontedeume), de Foz, e Sanxillao (Lugo).

En todos eles ofrecerase un almorzo, un aperitivo e unha comida elaborada polo alumnado do centro, farase un percorrido guiado e realizarase un coloquio entre todos os participantes na sesión. Ademais, haberá un show cooking a cargo dun chef, que podería ser incluso exalumno do propio centro no que se desenvolva.

Polo tanto, búscase amosar as instalacións e recursos que teñen os principais centros de FP galegos de Hostalaría, que se fai neles e, da man dos chefs convidados, a onde se pode chegar tras cursar estes estudos.

Este proxecto pioneiro conta, ademais, cun sitio web (http://www.edu.xunta.gal/fp/rede-fp-hostalaria) no que se ofrece información e orientación sobre os centros da Rede creada en 2014, a súa oferta formativa e o conxunto de servizos que se brindan ás empresas. Para a propia comunidade educativa o web serve como punto de acceso único ás ofertas de emprego, ao emprendemento ou as mobilidades. O obxectivo é achegar a FP á empresa, dando resposta ás demandas do sector e transferíndolle o coñecemento adquirido en centros innovadores.