Educación fixa as normas para os concertos educativos para diferentes etapas educativas durante os cursos 2017/18 a 2022/23

Modifícase o período de vixencia dos mesmos de catro a seis anos
Ven, 24/03/2017 - 13:30

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se ditan as normas para os subscribir concertos educativos con centros docentes privados durante o período que comprenderá os próximos 6 cursos académicos: desde o 2017/18 ata o final do curso 2022/23, para as ensinanzas das etapas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, FP Básica e ciclos formativos de graos medio e superior.

A partires da publicación desta orde (que pode consultarse en http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170324/AnuncioG0164-150317-0002_gl.html ), iníciase o prazo da convocatoria dun mes no que os centros de ensino deberán solicitar os concertos para o vindeiro curso e os seguintes; prazo que rematará o día 24 de abril. Nos cursos seguintes, a solicitudes poderán presentarse durante o mes de xaneiro de cada ano natural.

Cómpre sinalar que, por primeira vez, as solicitudes e os trámites administrativos coas entidades solicitantes realizaranse obrigatoriamente por medios electrónicos. Así mesmo, esta orde amplía o período de vixencia dos concertos de catro a seis anos, como consecuencia da modificación introducida pola LOMCE e coa finalidade de que o concerto teña a mesma duración en todas as ensinanzas que se concertan en Galicia. Non obstante, como é xa habitual, os concertos aprobados revisaranse todos os anos para axustalos á realidade dos centros e das necesidades educativas da súa zona de influencia en cada curso.

O ensino concertado dá resposta a arredor do 25% da necesidade de prazas de escolarización en Galicia. O orzamento destinado a el é arredor do 11% do da Consellería. Cabe sinalar, ademais, que do total do orzamento destinado aos concertos, case o 90% está destinado a abonar as retribucións do persoal docente en réxime de pago delegado e do persoal complementario nas unidades de educación especial.

Número de unidades

No presente curso 2016/2017 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten subscrito o concerto educativo con 230 centros docentes, para un total de 3892 unidades das distintas ensinanzas, nas que se escolarizan case 86.000 alumnas e alumnos; pero este concerto revisarase nesta convocatoria para axustalo ás necesidades do próximo curso 2017/2018.

Asemade, cómpre sinalar que nos últimos anos os axustes que se teñen producido fundamentalmente foron consecuencia da implantación de ciclos formativos de formación profesional cunha duración de 2000 horas lectivas distribuídas en 2 anos académicos (o que implicou o necesario incremento de 1 curso nos ciclos afectados), da implantación dos novos ciclos da FP Básica, dos cambios a nivel estatal dos módulos económicos de distribución de fondos públicos para o sostemento do centros concertados e doutras medidas de recuperación salarial (en concordancia ás aprobadas para o persoal do sector público).

En calquera caso, cómpre sinalar que a dinámica de incremento de unidades concertadas diminuíu de forma considerable nos últimos anos. De feito, en oito anos o actual Goberno da Xunta ten incrementando en 56 o número de unidades concertadas en oito anos; mentres que o Bipartito en catro anos incrementounas en 213.

Menús News node R