Román Rodríguez sinala as bibliotecas escolares galegas como pioneiras en inclusividade

Ademais destacou que en máis da metade delas se realizan tarefas específicas de tratamento da información e competencia dixital

Lembrou que a Consellería presentará en breve a nova fase do Plan Lía

Ven, 17/03/2017 - 11:14
Román Rodríguez sinala as bibliotecas escolares galegas como pioneiras en inclusividade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na 11ª edición dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe), que se celebran desde onte no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela. Durante a súa intervención o conselleiro lembrou que Galicia é pioneira na concepción das bibliotecas como recursos educativos que se adaptan ás necesidades do alumnado e en convertelas no espazo máis inclusivo do centro, no que se refire á accesibilidade, aos recursos dispoñibles, aos equipamentos, ás actividades propostas e á atención á diversidade. Así mesmo, sinalou que as bibliotecas escolares galegas foron das primeiras en incorporar o traballo para un uso crítico da información e dos medios de comunicación, en implicar ás familias nas actividades para a formación dos pequenos lectores e lectoras, ou na incorporación da robótica ou os videoxogos como novas linguaxes.

Os encontros do Plambe reúnen os responsables da totalidade dos centros Plambe, que neste curso inclúe  615 bibliotecas escolares de toda Galicia.

Resultados

O conselleiro salientou o papel fundamental que as bibliotecas escolares desenvolven e dixo que o compromiso e o esforzo arredor delas foi a razón para manter ao longo destes anos de crise o orzamento destinado a estes espazos; e indicou que os resultados acadados son moi positivos. Neste sentido, a Estatística sobre bibliotecas escolares realizada no curso 2015/2016 en todas as CCAA indica que no 95,8% das bibliotecas dos centros galegos se desenvolven tarefas para o fomento da lectura, que en 3 de cada 4 se realizan actividades para a formación de usuarios ou actividades culturais e encontros literarios, e que en máis da metade (57,5%) levan a cabo tarefas específicas de tratamento da información e  competencia dixital. Ademais, en 6 de cada 10 centros as familias acoden ás actividades da biblioteca escolar, o que redunda en beneficio de toda a comunidade educativa.

Román Rodríguez quixo felicitar a docentes e coordinadores de bibliotecas por estes fitos e animalos a seguir traballando a partires de agora no marco do novo Plan Lía, que será presentado en breve.

Compartir experiencias

Os Encontros comezaron onte cunha xornada de benvida ao profesorado dos centros que se incorporaron a este programa no curso 2016/17 – un total de 48-, así como a unha trintena de coordinadores da biblioteca do seu centro que son novos nesta responsabilidade.

Ao longo da xornada de hoxe os participantes van poder compartir as súas experiencias nas 16 intervencións diferentes que hai programadas, e nas que se abordarán asuntos como a inclusión educativa na biblioteca escolar, o voluntariado ou a integración das competencias informacionais ALFIN/AMI, entre outros. Así mesmo, no Pazo de Congresos habilitouse un espazo para a exposición de materiais elaborados na biblioteca escolar dos diferentes centros participantes.

Ademais, os asistentes asistirán a unha reflexión de José Antonio Millán sobre o informe ‘La lectura en España 2017’, así como a un relatorio da catedrática e membro da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre, arredor do uso dos libros como ferramenta no desenvolvemento da cidadanía crítica.

Plambe

O Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos chega este curso 2016/17 a un total de 615 centros. Ao abeiro desta iniciativa, a Consellería financia, con máis de 1,2 millóns de euros, a adquisición de novos fondos documentais, a dotación de mobiliario e equipamento e gastos de funcionamento destes espazos. Deste xeito refórzase o papel da biblioteca como unha oportunidade para o acceso igualitario de todos os escolares aos bens culturais.

Enmarcado no Plan LÍA de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe, o PLAMBE busca poñer en valor a importancia da biblioteca escolar dentro dos centros de ensino, salientando o seu papel como espazos onde o alumnado consolida o seu hábito lector ao mesmo tempo que adquire outras competencias clave. Neste sentido, cómpre sinalar que nelas se favorece a alfabetización múltiple, entendida como a “comprensión, utilización e avaliación crítica de diferentes formas de información, incluídos os textos e imaxes, escritos, impresos ou en versión electrónica”, segundo o establecido no documento do Consello da Unión Europea do 26 de novembro de 2012.  Cómpre sinalar que as bibliotecas escolares galegas son pioneiras na introdución da educación para un uso crítico dos medios, unha liña de actuación, a da alfabetización informacional e mediática, que se está a desenvolver en todas as bibliotecas, seguindo as recomendacións da UNESCO e doutros organismos internacionais, incluída a Comisión Europea.